O CONCELLO TRABALLA NA TERCEIRA FASE DE AMPLIACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE BARREIROS

O CONCELLO TRABALLA NA TERCEIRA FASE DE AMPLIACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE BARREIROS. O ALCALDE PÍDELLE AO BNG QUE PRESENTE PROPOSTAS EN LUGAR DE OPOÑERSE A TODO O QUE FAI O EQUIPO DE GOBERNO.PoligonoIndustrialBarreiros

Barreiros, 15 de maio de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, subliña que o Concello está a traballar xa na terceira fase do polígono industrial. Así sae ao paso das críticas vertidas nas últimas horas desde o BNG. Fuente Parga pídelles aos nacionalistas que presenten propostas concretas en lugar de queixarse e criticar todo o que fai o equipo de goberno.

O rexedor dixo que “como estamos en campaña electoral xa non me sorprende nada en Barreiros, e vindo do Bloque Nacionalista Galego menos. Agora resulta que sae con que non lle gusta que unha empresa se instale no concello de Barreiros. E ademais contradise cando afirma que só quedan 6 parcelas. Xa son menos de seis as parcelas que quedan a día de hoxe precisamente pola xestión que se leva facendo e pola que fixo a Xunta de Galicia, baixando o prezo das parcelas para fomentar que se vendan a empresas, que teñen que poñer en marcha a súa actividade antes de tres anos. Polo tanto o que temos claro é que na próxima lexislatura vai estar o polígono de Barreiros xa completo”.

Alfonso Fuente Parga declarou que “como pasa sempre, cando Ana Ermida ven o equipo de goberno xa vai de volta, porque xa estamos traballando na ampliación do polígono, nesa terceira fase que unirá xa esas naves que quedan ao lado da estrada Nacional 634 coa actual segunda fase do parque empresarial. Hai que seguir ampliando o polígono, pois é a industria que ten Barreiros, ademais non contaminante, que é o queremos: empresas de distribución, pequenos talleres, etcétera, que se vaian instalando no polígono para ir creando emprego no noso concello”.

O alcalde barreirense considera que “ao Bloque Nacionalista Galego non lle gusta nada, porque non lle gusta o turismo que hai Barreiros, non lle gusta como se está facendo a xestión nas praias, non lle gusta a xestión que se fai no polígono, non lle gustou que se construíran vivendas. Entón eu, como calquera veciño de Barreiros, pregúntome ¿de que vamos vivir? Temos un sector gandeiro que está atravesando uns momentos difíciles con estes cambios na PAC e nos contratos do leite. Polo tanto hai que seguir traballando para crear emprego, que o concello siga medrando e poder manter os servizos básicos”.

Alfonso Fuente pregúntalle ao BNG “que é o que quere para Barreiros. Que deixen xa de criticar a labor do goberno e que poñan encima da mesa que queren para o municipio, porque ningún sector lles gusta. E hai uns días poñían como exemplo Riotorto, Mondoñedo ou Ribadeo; e eu digo que falen con calquera veciño de Mondoñedo e verán como está desaparecendo. Eu falo moitas veces con xente de Mondoñedo, de feito teño familia nesa localidade, e o que me din é que Mondoñedo vai a menos, que perde poboación a pasos axigantados, que as empresas marchan de alí. E Riotorto tampouco está nunha moi boa situación. Poñelos como exemplo non me parece moi prudente”. E engadiu: “o BNG debería poñer enriba da mesa, e sobre todo en época electoral, propostas. Nós seguiremos na mesma liña que vimos mantendo, traballando no día a día, tentando conseguir maior benestar para os nosos veciños, conseguindo postos de traballo no sector privado, dinamizando o polígono industrial. Quedan menos de seis parcelas e si se venden todas iso respaldará o traballo que estamos a facer para iniciar a terceira fase dese parque empresarial”.