O CONCELLO PORÁ EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN NAS PRAIAS A PARTIR DO 7 DE XULLO

O CONCELLO PORÁ EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN NAS PRAIAS A PARTIR DO 7 DE XULLO. O ESLOGAN ELIXIDO É QUE O QUE VOLTE ÁS NOSAS PRAIAS SEXAS TI.

Barreiros, 5 de xullo de 2017. A Concellería de Medio Ambiente, consciente da importancia de concienciar á cidadanía na necesidade de manter  limpo o litoral e preservar o medio ambiente, desenvolverá unha campaña de sensibilización nas praias baixo o lema Que o que volte ás nosas praias sexas ti.

A finalidade desta campaña, dirixida a toda a poboación do concello, así como aos turistas que nestes días visitan o concello mariñán, será a de informar e concienciar aos bañistas na necesidade de manter os areais e as augas limpas.

A través desta campaña preténdese lembrar aos usuarios que deben recoller o lixo xerado durante a xornada de praia e depositalo nos contedores destinados para tal fin. De aí o lema: Que o que volte ás nosas praias sexas ti e non o teu lixo.

A campaña desenvolverase nas principais praias e puntos turísticos de Barreiros durante días 7 e 8 e do 15 ao 19 de xullo en horario de 15:00 a 19:00, segundo deu a coñecer nesta xornada o alcalde, Alfonso Fuente.

Dous monitores medioambientais especializados na materia serán os encargados de explicar a aqueles que se acheguen ata o punto informativo as claves da correcta separación de residuos e indicarán qué tipo de contedor é o axeitado para cada residuo xerado.

Os participantes nesta campaña de concienciación medioambiental serán obsequiados cun agasallo, co obxectivo de premiar a súa contribución a manter limpas as praias de Barreiros. Ademais realizarase unha enquisa e todas as persoas que participen nela recibirán unha camiseta de regalo.

Alfonso Fuente Parga anima “a veciñ@s e visitantes a participar nesta campaña co obxectivo de manter os areais o máis limpos posible, así coma todo o municipio. É moi importante a concienciación”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *