O CONCELLO OBRIGARÁ A UNHA MADEIREIRA A DEIXAR EN PERFECTO ESTADO UNHA ESTRADA NA PARROQUIA DE SAN XUSTO

O CONCELLO OBRIGARÁ A UNHA MADEIREIRA A DEIXAR EN PERFECTO ESTADO UNHA ESTRADA NA PARROQUIA DE SAN XUSTO, QUE ESTIVERON A EMPREGAR PARA EXTRAER A MADEIRA DO MONTE. FUENTE PARGA DENUNCIA QUE ALGÚNS VIEIROS ESTÁN IMPRACTICABLES.

Barreiros, 27 de novembro de 2016. O Concello obrigará a unha empresa madeireira a deixar en perfecto estado unha estrada en San Xusto, que estiveron a empregar para extraer a madeira do monte. Segundo o alcalde, Alfonso Fuente, algúns vieiros atópanse impracticables.

O rexedor explicou que “desde hai aproximadamente un mes sabemos que hai unha empresa que está a sacar madeira do monte na parroquia de San Xusto. Se ven contactando con esta firma para que tivese os camiños en bo estado e que se puideran empregar por parte dos veciños. Pero ultimamente poidas constatar que estaban impracticables”.

Fuente Parga contou que “a semana pasada eu me poñía en contacto con responsables da empresa para que iniciaran os traballos de recuperación destes camiños, rematou esta semana e esas tarefas están sen facer. Polo tanto iniciaremos os trámites pertinentes para obrigar a esta empresa para que repoña ese camiño de inmediato, dado que está a causar bastantes problemas nos veciños e veciñas daquela zona, que non poden acceder nin ás súas parcelas nin aos seus montes”.

O alcalde barreirense dixo: “todos entendemos que o sector da madeira ten que funcionar, todos entendemos que a madeira hai que sacala dos montes, pero tamén os madeiristas teñen que entender que os veciños teñen que utilizar as estradas para poder acceder ás súas vivendas e ás súas propiedades. Teñen que iniciar os traballos de inmediato para repoñer eses camiños e cando se está a facer unha saca de madeira hai que prever que se poidan utilizar en todo momento”.

Alfonso Fuente subliñou que “hai que facer cumprir a ordenanza que temos no Concello de Barreiros. Nós temos unha ordenanza que obriga a comunicar as sacas de madeira. Veremos si neste caso se cumpriu, penso que non, xa que a día de hoxe non teño constancia de que se comunicase esa saca de madeira e se puxese o aval pertinente, entón haberá que valorar os traballos de reposición dese camiño, ver si a empresa o deixa no mesmo estado no que se atopaba e senón abrir un expediente para deixen eses vieiros no estado inicial no que se encontraban”.