O CONCELLO FAI OBRAS DE MELLORA EN BEIRARRÚAS DE SAN MIGUEL DE REINANTE E SAN COSME DE BARREIROS

O CONCELLO FAI OBRAS DE MELLORA EN BEIRARRÚAS DE SAN MIGUEL DE REINANTE E SAN COSME DE BARREIROS, SEGUNDO DEU A COÑECER O ALCALDE.

Barreiros, 29 de marzo de 2017. O Concello leva a cabo obras de mellora en beirarrúas de San Miguel de Reinante e San Cosme de Barreiros. O alcalde, Alfonso Fuente, espera que os traballos estean rematados en breve.

O rexedor contou que “en Barreiros estamos traballando xa en dúas obras que esperamos que se poidan empezar en breve. En San Miguel de Reinante continuamos cunhas beirarrúas que fai pouco, aproveitando que metíamos unha traída de auga, se renovaban e ampliaba unha zona que non tiña beirarrúas. Seguindo pola marxe dereita cara a Reinante queremos continuar esa beirarrúa e meter un carril de servizo. Ademais Fomento está a poñer problemas coas saídas directas á nacional, así que para evitar tamén accidentes e protexer ao peón con esas beirarrúas das que carecen agora nunha zona que consideramos vai acadando un grado de urbanización importante”.

O alcalde barreirense explicou que “na parroquia de San Cosme de Barreiros hai unha zona, despois desta obra que se facía e se remataba non hai moito tempo, que precisamente estes días estaban acabando de colocar as farolas. Quédanos aínda un treito que hai que adoquinar. Nunha beirarrúa que estaba rematada, estaba sen adoquín, polo que poñerase adoquín e remataranse esas beirarrúas en zonas que faltan”.

Fuente Parga salientou que “son obras que esperamos que se poidan poñer en marcha en breve para mellorar o entorno urbano tanto na parroquia de San Miguel de Reinante como na de San Cosme de Barreiros”.