O Concello de foz presenta alegacións ao parque eólico Fonte Barreiros

24 Novembro, 2021

Foz, 24 de novembro de 2021. O Concello de Foz presentou alegacións ao Estudo de Impacto Ambiental e á solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Fonte Barreiros, de 96 MW, e da súa infraestrutura de evacuación.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, indica que o Concello de Foz “actúa sempre de forma seria e responsable: informándonos, contactando con técnicos solventes para estudar a documentación e presentando alegacións en todos aqueles puntos que podan ser prexudiciais para veciñas, veciños e o patrimonio do noso concello. Neste sentido, o proxecto do parque eólico Fonte Barreiros presenta incongruencias, erros e falta de estudo en moitos puntos”.

O rexedor municipal engade: “aínda que neste caso -a diferenza do proxecto denominado Borrasca- non se proxectan aeroxeneradores en Foz, o parque Fonte Barreiros si ten un impacto claro coa liña de alta tensión proxectada. Volve producirse o mesmo erro doutros proxectos, de duplicar liñas de tensión con trazados paralelos cando a normativa esixe que se aproveiten os trazados das actuais adaptando as infraestruturas, para evitar un maior impacto. Ademais no barrio do Carme, en San Martiño, a liña pasa en aéreo sobre solo clasificado como núcleo rural e edificable, non respectando a normativa. Hai que aterse tamén ás disposicións do PXOM, é o legal e o que procede”.

Nas alegacións tamén se encontraron outras faltas, como obviar o anteproxecto ou o proxecto de trazado da autovía da Mariña A-74. “É un documento incompleto que non respecta as características do entorno”, remata o alcalde de Foz.