O CONCELLO DE BARREIROS SUMOU CERCA DE 20.000 EUROS EN MULTAS POR INFRACCIÓNS MEDIOAMBIENTAIS DURANTE O VERÁN

O CONCELLO DE BARREIROS SUMOU CERCA DE 20.000 EUROS EN MULTAS POR INFRACCIÓNS MEDIOAMBIENTAIS DURANTE O VERÁN

Só no mes de setembro de 2017 notificáronselle ao alcalde de Barreiros catro procedementos sancionadores que conlevan multas de entre 2.500€ e 5.000€

Barreiros, 10 de xaneiro de 2018. “O Concello de Barreiros segue acumulando sancións por infraccións mediambientais e iso repercute nas arcas municipais”, aseguran desde o BNG.

A portavoz municipal do BNG deu a coñecer as consecuencias que está a ter para as veciñas e veciños de Barreiros o desleixo e a falla de organización, tamén, en materia mediambiental do goberno municipal de Barreiros. “Hai uns meses advertíamos da cantidade de procedementos sacionadores abertos ao Concello de Barreiros por incumprimentos en materia de contaminación e mediambiental. Agora puidemos ter acceso a esa documentación e comprobamos o que temíamos, asegura: dous procedementos rematados con unha sanción de 5.000 euros cada un, outro a piques de finalizar con outra multa de 2.500 euros e outro iniciado con unha proposta de sanción doutros 5.000 euros”, relata Ana Ermida.

Para o BNG o máis grave é que esta situación se corresponde con “feitos producidos ou detectados durante un período duns dous meses e que é algo que se repite sistematicamente. Polo tanto, estamos falando de sancións por importe de 17.500 euros durante un mes, que poden repetirse ao longo do ano.”

“Para un Concello coma o de Barreiros, con un orzamento real de arredor de 2 millóns e medio de euros, que nun só mes cheguen sancións por importe de case 20.000 euros é unha auténtica barbaridade que non pode soportarse e, máis, cando se levan aumentando impostos municipais nos últimos anos a consecuencia da nefasta xestión económica que se fai por parte do goberno municipal”, afirman.

Expedientes sancionadores por verquidos ás praias e regatos.

Como leva anos advertindo o BNG, estes expedientes prodúcense ante a falta de medidas do goberno municipal para arranxar os problemas de verteduras que se producen constantemente no Concello de Barreiros.

Os expedientes que se resolven nesta ocasión con estas sancións son por verquidos na praia do San Bartolo, de Arealonga e no Rego da Barranca.

Desde o BNG reclaman do goberno municipal “que se poñan a traballar desde xa para darlle solucións a estes problemas e que deixen de poñer desculpas e ampararse no que fagan ou deixen de facer outras institucións”. “Son cuestións que levan anos enriba da mesa, que todo o mundo sabe e que o goberno municipal ten obriga de buscarlle solucións. Se non son capaces ou se prefiren adicar o seu tempo a outras cuestións, que deixen paso a quen teña capacidade de traballar na defensa e no benestar do Concello de Barreiros”, conclúe Ana Ermida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *