O CONCELLO DE BARREIROS REIMPULSA A REDE LOCAL DE VOLUNTARIADO COA I XORNADA DE VOLUNTARIADO VERDE QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO

Ficha Rede Voluntariado

O CONCELLO DE BARREIROS REIMPULSA A REDE LOCAL DE VOLUNTARIADO COA I XORNADA DE VOLUNTARIADO VERDE QUE SE CELEBRARÁ ESTE SÁBADO, 29 DE XUÑO. LABORES DE RECOLLIDA DE PLÁSTICOS E DE RESIDUOS, DESBROCES OU LIMPEZA SON ALGUNHAS DAS ACCIÓNS A LEVAR A CABO.

Barreiros, 26 de xuño de 2019. O Concello de Barreiros organiza a I Xornada de Voluntariado Verde, unha cita que ten por obxecto o adecentamento de espazos verdes do municipio, así como doutros lugares de esparexemento. A  alcaldesa, Ana Ermida, explica que “o pasado 5 de xuño tivo lugar o Día Mundial do Medio Ambiente, unha cita que convida a pensar na necesidade de prestar atención ao entorno natural e previr ou minimizar as accións que o impactan, así como a poder desfrutar do medio natural, a mantelo en bo estado e a que todas as persoas actúen en pro disto”.

Nesta primeira ocasión, coincidindo co comezo da época estival, será a zona de praias o lugar no que se desenvolverá esta actividade; mais prevese continuar por outras, tanto de importancia turística como o entorno do Camiño de Santiago, como por zonas residenciais habituais.

En palabras de Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros “case todas as persoas podemos poñer o noso grao de area contribuíndo a crear un mellor espazo de convivencia. Neste caso, tamén pola situación de deixadez na que se atopa o noso municipio e a imposibilidade de facer fronte con máis premura e medios, consideramos que esta debía ser a primeira acción do voluntariado, pois todas as persoas podemos ser usuarias destes espazos e agradecemos cando os atopamos en bo estado”.

Desde o Concello prevese tamén continuar nesta liña de mantemento de espazos limpos mediante labores de concienciación e sensibilización co medio ambiente, especialmente no que respecta á recollida de residuos, e de forma máis inminente e insistente na zona de praias e en período estival, debido ao elevado volume de persoas que fai uso destas zonas.

Con esta primeira acción, o Concello de Barreiros quere reimpulsar a xa existente Rede Local de Voluntariado. Ademais do voluntariado verde, cabe a posibilidade de tomar parte noutras actividades relacionadas coa dinamización social ou a asistencia e colaboración con persoas maiores ou en situación de dependencia. Calquera persoa que desexe participar poderá facelo en todos aqueles ámbitos que queira.

A implicación veciñal para que Barreiros volva a brillar

Desde o Concello animan a tomar parte nesta acción e, tal e como apunta Ana Ermida, “facemos falta todas e todos para que Barreiros volva brillar. E estamos a apreciar moitas ganas de aportar por parte de moita xente, ganas de ver un Barreiros mellor, con ilusión. Hai moitas veciñas e veciños que nos están a trasladar a súa disposición a colaborar, e o que se pretende é aproveitar este voluntarismo en beneficio de Barreiros”.

O prazo para anotarse no grupo de voluntariado xa está aberto. Pode facerse de forma presencial no Concello, no teléfono 982.12.40.02 ou online, pinchando aquí: https://forms.gle/C6i6kTcPxf2Qh7om6

As persoas que desexen solicitar máis información poden facelo escribindo a [email protected]