O Concello de Barreiros rebaixará o IBI ás explotacións agrogandeiras ata un 95%, segundo deu a coñecer o alcalde

O Concello de Barreiros rebaixará o IBI ás explotacións agrogandeiras ata un 95%, segundo deu a coñecer o alcalde

30-04-16
Barreiros, 30 de abril de 2016.- O Concello rebaixará o IBI ás explotacións agrogandeiras ata un 95%, segundo deu a coñecer o alcalde, Alfonso Fuente. O asunto someterase a aprobación nun pleno da Corporación Municipal, que se celebrará en maio. O de Barreiros é o primeiro da Mariña en adoptar esta decisión.

Fuente Parga anuncia que “no próximo pleno imos facer unha serie de modificacións na ordenanza do Imposto de Bens Inmobles”.

O rexedor barreirense contou que “estivemos vendo, despois de facer varios estudos, como se podía rebaixar este imposto a un sector que ten un peso importante na economía do noso municipio”. E subliñou que “Barreiros é o primeiro Concello da nosa comarca en aplicar esta importante medida”.

A redución do 95% do IBI, á máxima que permite a lei, afectaralles ás explotacións gandeiras ou agrarias que se dedican exclusivamente ao sector primaria. E tamén se prevé unha redución do 50% nas explotacións destinadas tamén a outros usos. Alfonso Fuente relatou que “o que imos someter a aprobación no vindeiro pleno é unha redución do 95 por cento da cota que se paga no caso de construcións destinadas a agrogandeiría que estean en fincas independentes; e naquelas fincas onde exista a vivenda ou outras construcións destinadas a outra actividade que non sexa agrogandeira terán unha redución do 50 por cento”.

O alcalde de Barreiros salientou que “isto parécenos importante porque practicamente estas porcentaxes son as que permite a lei. A partir de aí abrirase un prazo ata final deste ano para que as persoas interesadas fagan a solicitude desa bonificación que entrará en vigor no ano 2017”.