O CONCELLO DE BARREIROS PAGOU MÁIS DE 5.000€ NO QUE VAI DE ANO A UNHA TENDA DE CARAMELOS E AGASALLOS DE CEREMONIAS

O CONCELLO DE BARREIROS PAGOU MÁIS DE 5.000€ NO QUE VAI DE ANO A UNHA TENDA DE CARAMELOS E AGASALLOS DE CEREMONIAS.

Solucionar o problema de calado das zodiacs de salvamento está pendente dalgún permiso e de financiación, asegurou o Alcalde.

Barreiros, 28 de xullo de 2016. O Bloque Nacionalista Galego solicitou no pleno do pasado martes, entre outra documentación, dúas facturas que foron pagadas no primeiro semestre deste ano a unha tenda adicada á venda de caramelos e detalles de agasallo para cerimonias. “Chamáronnos a atención estas facturas polo seu elevado importe e polo concepto dunha delas”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.

As facturas suman un total de 5.065,06€ divididos nunha de 3.660,25€ da que non aparecía o concepto e outra de 1.404,81€ co concepto “caramelos”. “Queremos saber exactamente a que corresponden esas facturas e en que se gastou ese diñeiro”, afirman, “porque se gastar 5.000€ en caramelos sempre sería un derroche, facelo coa situación económica que ten este concello é, ademais, unha absoluta irresponsabilidade.”

Para o grupo municipal do BNG esta “é unha mostra máis do tipo de xestión que fai o Partido Popular en Barreiros, deixando o concello en práctica bancarrota e gastando o diñeiro que ten a base dos impostos das veciñas e veciños en nimiedades, mentras están desatendidas cuestións fundamentais”, afirman.

Como exemplo, a portavoz nacionalista sinala unha cuestión tan importante como garantir que as zodiacs de salvamento poidan estar operativas en calquera momento, para o que habería que dotalas dun novo punto de amarre. Sobre esta cuestión preguntaron tamén nese pleno, ao que se contestou  que estaba pendente de solucionar un permiso e tamén a financiación dunha pequena obra que habería que facer. “Non sabemos o importe desa obra, pero desde logo que se se trata de garantir a seguridade nas praias debe ser unha obra prioritariai. E tería máis sentido destinar 5.000€ a iso que a caramelos, que seguro que non é precisa semellante cantidade”, afirman.

Desde o BNG lamentan que, ante as preguntas realizadas no pleno polo seu grupo, o goberno municipal –nen alcaldía nen concellería de medioambiente- foran capaces de poñer nen unha solución nen un compromiso para ningún dos problemas que se están detectando, como os vertidos da depuradora de Reinante á praia de Arealonga.

“Con esta actitude queda patente que non existe unha planificación dos traballos nen dos gastos, que as cousas se fan a golpe de ocurrencia e que nen tan sequera cando existe un problema se pon a máxima celeridade para solucionalo. Estamos asistindo a unha total inoperancia e deixadez de funcións por parte do goberno municipal”, afirman desde o BNG.

A perda do concurso de castelos na area, outra mostra de incapacidade.

O BNG tamén amosa o seu descontento e a súa indignación polo papel do goberno municipal a respecto do concurso de castelos na area que cada 25 de xullo se celebraba na praia de Arealonga, en Reinante.. “Era un referente turístico máis que atraía a visitantes que viñan cada 25 de xullo para presenciar as obras de arte que se facían nesa praia e que sempre estivo perfectamente organizado por un particular que adicaba o seu tempo e esforzo a situar cada verán a Barreiros no mapa turístico”, expoñen desde a formación nacionalista.

“Este ano que o Concello sabía que ía ter que organizalo porque xa fora advertido o verán pasado, houbo tal pasotismo e tal deixadez que quedou sen organizar. Ou iso, ou se deixou de organizar por incapacidade, o cal tería, se cabe, máis gravidade”, explica Ana Ermida. “É un suma e sigue na inoperancia deste goberno municipal e tamén outro desprezo máis cara as persoas usuarias da praia de Arealonga que, probablemente, sexa unha das praias que máis problemas ten e que máis desatendida está por este goberno”, recorda.

“Desde logo, cada día que pasa este goberno municipal amosa máis a súa total inoperancia e o único que consegue é seguir poñendo a Barreiros no centro do mundo como un exemplo de mala xestión e de desfeita e desprezo do traballo feito por outras persoas”, afirma a portavoz municipal.

“Alfonso Fuente e o Partido Popular están situando a Barreiros coma un punto negro, tamén,  turístico; acabando cos referentes que tiña –como as bandeiras azuis ou os castelos na area- e sen ser capaces de promocionar ningún outro aspecto dos moitísimos que se poderían poñer en valor –como o Masma, o Santo Estevo ou a zona interior-“, conclúen desde o BNG.