O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA UNHA VIAXE Á FESTA DA VIRXE DA BARCA EN MUXÍA O 9 DE SETEMBRO. HAI 40 PRAZAS DISPOÑIBLES

O CONCELLO DE BARREIROS ORGANIZA UNHA VIAXE Á FESTA DA VIRXE DA BARCA EN MUXÍA O 9 DE SETEMBRO. HAI 40 PRAZAS DISPOÑIBLES.

Barreiros, 4 de setembro de 2018. As Concellerías de Medio Ambiente e de Turismo organizan unha viaxe á Festa da Virxe da Barca en Muxía. Será o 9 de setembro e sairán dous autobuses, o primeiro ás 6:30 horas da praza do Concello cos peregrinos que están a realizar o Camiño de Santiago por etapas nese treito. O outro autocar partirá ás 8:00 horas coas persoas que queiran asistir á misa e á Festa da Virxe da Barca. En Muxía xuntaranse as dúas expedicións e compartirán un xantar a base de arroz á mariñeira, caldeirada de pescada, lacón asado, doces e café. O prezo por persoa é de 17 euros. Das 110 prazas ofertadas hai aínda 40 libres e a inscrición segue aberta. As persoas interesadas poden anotarse nos teléfonos 618 752 560 e 676 445 465.

O concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel Gómez Puente, explicou que “é unha iniciativa da Delegación de Medio Ambiente e tamén da Delegación de Turismo, e vai consistir nunha viaxe que se fará en dúas partes. Iremos en dous autobuses, un cos camiñantes que van facer o camiño de Fisterra a Muxía. Alí faremos un tramo de 10 quilómetros para despois disfrutar da romaxe e da Festa da Virxe da Barca. A idea é coincidir que hai unha gran festividade a nivel galego como é a Festa da Virxe da Barca, e combinar ese traxecto do Camiño de Santiago de Fisterra a Muxía. Imos ir nun autobús corenta camiñantes, como viñemos facendo durante esta primavera e verán, e continuaremos agora en setembro”.

Gómez Puente contou que “ademais tamén invitamos aos veciños de Barreiros, que non poidan andar ou andar os dez quilómetros, a que poidan disfrutar da festa da Virxe da Barca. Teremos un autocar para eles, para despois confluír todos arredor da igrexa ás doce e media que será a misa. Seguiremos visitando Muxía e comeremos todos xuntos nun restaurante que temos alí xa reservado”.

O edil barreirense comentou que “quedan 40 prazas, de 110, pero que non se descoiden se lles apetece facer esta viaxe. Algunha vez xa temos feita esta viaxe, aínda que non é moi habitual porque é un pouco larga, e este ano decidimos facela porque como un grupo de peregrinos facemos esa etapa, entón animamos a todos os veciños e veciñas a que coñezan a zona que é preciosa”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *