O CONCELLO DE BARREIROS ENTREGOU COMPOSTEIROS Á VECIÑANZA NUNHA CHARLA SOBRE COMPOSTAXE E RECICLAXE

O CONCELLO DE BARREIROS ENTREGOU COMPOSTEIROS Á VECIÑANZA NUNHA CHARLA SOBRE COMPOSTAXE E RECICLAXE

O acto tivo lugar na mañá do sábado, despois de ter sido suspendido en marzo pola situación sanitaria.

Barreiros, 3 de outubro de 2020. O Concello de Barreiros fixo entrega de dúas ducias de  composteiros individuais facilitados pola Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA)  ás veciñas e veciños que así o solicitaron a inicio de ano.

A entrega tivo lugar nun acto ao que foron convocadas as persoas interesadas exclusivamente, a fin de garantir as medidas de seguridade sanitaria derivadas da COVID-19, no que se deron tamén nocións básicas sobre tratamento de residuos, reciclaxe e compostaxe. Nese mesmo acto, entregouse a todas as persoas que solicitaron composteiros individuais un manual de compostaxe doméstica para facilitar a elaboración do compost doméstico.

Desde o Concello de Barreiros explican que retoman a campaña de sensibilización da poboación con este acto e que a intención do goberno municipal é desenvolver outras actuacións adecuadas á actual situación.

Entre as actividades que estaban previstas no seu momento e que deberán ser adaptadas á situación actual, encardinábanse proxectos para escolares e outros colectivos co fin de tratar de mellorar as cifras de reciclaxe e xeración de residuos que ata este momento ten o concello barreirense.

O Concello porá tamén en marcha un programa piloto de compostaxe comunitaria.

Dentro do traballo de concienciación medioambiental, o Concello de Barreiros logrou o finanzamento da área de medio rural da Deputación de Lugo para poñer en marcha un proxecto piloto de compostaxe comunitaria que se executará  nos vindeiros meses e co que se pretende avaliar a posibilidade de instalar un proxecto máis amplo de compostaxe comunitaria que poida dar cabida aos residuos orgánicos que se producen actualmente, reducindo deste xeito o contido do colector de fracción resto e mellorando así o custo do servizo de recollida e tratamento de residuos.