O CONCELLO DE BARREIROS ASINA UN CONVENIO CO CIFP PORTA DA AUGA PARA ACOLLER ALUMNADO EN PRACTICAS

O CONCELLO DE BARREIROS ASINA UN CONVENIO CO CIFP PORTA DA AUGA PARA ACOLLER ALUMNADO EN PRACTICAS

Barreiros, 4 de marzo de 2020. A alcaldesa de Barreiros e representantes do Centro Integrado de Formación Profesional asinaron na mañá de hoxe un convenio para que a entidade local reciba alumnado do centro de formación para realizar as súas prácticas laborais.

A alcaldesa, Ana Ermida, sinalou no acto de sinatura que “este é o primeiro dos convenios que asinamos co centro para acoller alumnado en formación para as prácticas dos seus estudos e agardamos que a colaboración se poida estender no tempo, xa que parécenos importante que as persoas que se están formando nas distintas opcións profesionais poidan tamén coñecer o funcionamento das administracións públicas, neste caso locais, e así complementar mesmo a formación profesional do ciclo que cursan.”

A colaboración entre a institución municipal e o centro de ensino comezará neste mesmo mes, cando a finais do mesmo se incorporará unha alumna do ciclo de atención ás persoas en situación de dependencia a realizar as prácticas no servizo de axuda no fogar barreirense, ata mediados do mes de xuño.

O servizo de axuda no fogar en Barreiros é xestionado de xeito directo polo propio Concello, contando con un cadro de persoal de 25 persoas, que prestan servizo á totalidade de persoas demandantes, non existindo lista de agarda para o mesmo, atendendo a preto de 80 persoas usuarias.

Ao acto de sinatura do protocolo acudiron tamén as concelleiras de servizos sociais, Carmen Veiga, e a de igualdade, saúde e educación, Montse Porteiro.