O CONCELLO DE BARREIROS, ACUSADO DE INTRUSISMO PROFESIONAL NO SERVIZO DEAMBULANCIA DAS PRAIAS

O CONCELLO DE BARREIROS, ACUSADO DE INTRUSISMO PROFESIONAL NO SERVIZO DE AMBULANCIA DAS PRAIAS

O escrito do Colexio de Enfermería, que non foi facilitado ao BNG, traslada unha denuncia formal dos profesionais da enfermería pola insuficiencia de medios humanos na ambulancia e intrusismo profesional.

A persoa que ocupa o posto de auxiliar na ambulancia de praias non estivo contratada con esa función, senón como auxiliar de axuda no fogar.

O alcalde mentiu ao anunciar servizos profesionais nas praias que non se prestaron.

Barreiros, 27 de novembro de 2018. O BNG de Barreiros reiterou no pleno de onte a solicitude de ter coñecemento directo dun escrito presentado polo Colexio de Enfermería de Lugo, que xa tiña solicitado por escrito a primeiros de novembro. A negativa do goberno municipal a facilitárllelo, ocultando o contido do mesmo, propiciou o salto ao público da información sobre o posible erro de funcionamento nun desfibrilador, que foi desmentido polo alcalde no día de onte. “Supoñemos que o que dixo onte o alcalde no pleno sexa totalmente certo, aínda que é difícil crer a unha persoa que minte sistematicamente para tapar a súa propia incompetencia”, asegura a portavoz municipal Ana Ermida. “En calquera caso, alegrámonos que a información fose errada e podería terse aclarado inicialmente se o alcalde na primeira semana de novembro nos contestara ao escrito, aínda que entendemos que tiña outras preocupacións ás que atender”, sinalan.

Sen embargo, a información trasladada polo alcalde sobre o escrito é aínda máis preocupante, xa que “foron precisamente as mentiras do alcalde as que propiciaron a presentación dunha denuncia formal do Colexio de Enfermería por falta de medios humanos na ambulancia das praias e por intrusismo profesional.”

As mentiras do alcalde destapan servizos falsos.

A portavoz municipal explica que antes de iniciar a temporada de verán, o alcalde anunciaba con un comunicado á prensa que se pode consultar aínda a día de hoxe na páxina oficial do Concello de Barreiros que “este ano imos contar cunha ambulancia, xa hai pouco tempo prestaba o servizo de ambulancia medicalizada na Mariña, que é como unha UCI móbil, imos tela a disposición no concello de Barreiros durante todo o verán. Oxalá non haxa que usala, pero sabemos que sempre hai algunha cousa e ímola ter aí con dous técnicos sanitarios sumados aos 21 socorristas…”. “Nestas declaracións, asegura Ana Ermida, hai tal cantidade de mentiras que é insultante que este señor se atreva a acusar a ninguén de mentir”

“En primeiro lugar, vende claramente un servizo de ambulancia medicalizada. Aínda que agora pretenda facer ver que do que falaba era do vehículo e non do servizo, está clarísima cal era a intención naquel momento e a mensaxe que trasladaba. Este tipo de voltas gramaticais ou sintácticas poden valer nunha defensa xudicial, pero non en declaracións políticas, que é fronte ao que estamos agora mesmo”, inciden desde o BNG. Por iso o Colexio de Enfermería traslada a falta de medios humanos, porque a ambulancia medicalizada debe contar, cando menos, con persoal técnico e de enfermería e non se cumpría neste caso.

“Pero aínda hai outra mentira máis, ao anunciar dous técnicos; xa que só había unha persoa técnica sanitaria. De feito, nas declaracións de hoxe mesmo xa fala de un técnico e unha auxiliar”, sinala Ana Ermida.

O persoal auxiliar da ambulancia de praias, auxiliar de axuda no fogar.

Pero o máis grave, e o que si que ten responsabilidades políticas directas, é que a persoa que exerceu como auxiliar sanitaria na ambulancia das praias nos últimos anos nunca estivo contratada como tal. De feito, xa o ano pasado, o BNG denunciara publicamente que esa persoa estaba contratada como auxiliar de axuda no fogar no Concello durante todo o ano. Polo tanto, a ambulancia nas praias a efectos laborais só contaba con unha persoa técnica.

Esta cuestión é gravísima e a responsabilidade é dun goberno municipal que antepón a propaganda e o autobombo ás necesidades reais do servizo e, desde logo, trátase dunha clarísima neglixencia profesional”, aseguran desde a formación nacionalista.

Desde o BNG manifestan que a actitude do alcalde e do equipo de goberno tapando todo o relacionado con esta cuestión e negando o acceso directo ao escrito. aínda a día de hoxe, demostra que hai algo que tapar en todo esto e, en todo caso, desde o BNG cren que é moito máis grave a actitude do goberno municipal a respecto de poñer persoal non adecuado nun servizo coma este que o posible fallo nun aparato que, de terse producido e aclarado, non tería maior responsabilidade. “Non ter contratado persoal obrigatorio e, por riba, anunciar servizos falsos, ten unha clarísima responsabilidade, mesmo máis aló das políticas”, aseveran.

A formación nacionalista quere deixar “meridianamente claro o apoio do seu grupo ás persoas profesionais do servizo de salvamento e socorrismo, como sempre trasladou publica e privadamente, e en todo momento poññendose á súa disposición. “Por iso non imos permitir que a neglixencia dun goberno municipal poid amnachar o bo facer destes profesionais que velan pola seguridade nos areiais barreirenses”, conclúen.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *