O CONCELLO DE BARREIROS ABRIRALLE EXPEDIENTE SANCIONADOR Á EMPRESA MADERAS NACIENTE

O CONCELLO DE BARREIROS ABRIRALLE EXPEDIENTE SANCIONADOR Á EMPRESA MADERAS NACIENTE POR OCASIONAR O ENTURBAMENTO DA AUGA DA TRAÍDA EN SAN MIGUEL. FUENTE PARGA AGARDA QUE O SUBMINISTRO VOLVA Á NORMALIDADE NUN PAR DE DÍAS.

Barreiros, 4 de xuño de 2015. O Concello abriralle expediente sancionador á empresa madeireira que enturbou a auga da traída estes días en San Miguel.

O alcalde, Alfonso Fuente, asegurou que “unha empresa, Maderas Naciente, que estivo a cortar e a sacar estes días madeira do monte, ocasionou que a auga da traída se enturbase na zona de A Barranca, en San Miguel. Alí tivemos que cortar o subministro desde o cemiterio porque a auga saía moi turbia”. E explicou que “os camións desta empresa cruzaban polo río”.

Fuente Parga subliña que “aos veciños e ás veciñas afectadas de Reinante e de San Miguel se lles descontará esta incidencia no recibo da auga, tal e como xa lles explicamos a eles”.

O rexedor barreirense engade que “ata dentro dun par de días, máis ou menos, a situación non se normalizará, porque temos que proceder á limpeza dos depósitos afectados. Pedímoslles desculpas aos veciños polo ocorrido e traballaremos para que os subministro de auga volva á normalidade o antes posible”.