O CONCELLO ACOMETERÁ OBRAS DE MELLORA NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN REMIOR

O CONCELLO ACOMETERÁ OBRAS DE MELLORA NA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN REMIOR. OS TRABALLOS CONSISTIRÁN NA SUBSTITUCIÓN DA TUBAXE E O CAMBIO DO SEU PERCORRIDO PARA QUE NON ATRAVESE A ESTRADA PROVINCIAL.

Barreiros, 4 de outubro de 2018. O alcalde, Alfonso Fuente, anuncia que xa quedou restablecido o abastecemento de auga en San Cosme e en Remior tras a avaría que se producía na xornada de onte. Unha tubaxe da rede partiu polo medio na zona de Remior. Segundo o rexedor “trátase da segunda avaría grave que se produce nos últimos tempos”. Os traballos para arranxala foron complicados porque esa tubaxe atravesa unha estrada provincial, que houbo que cortar para poder actuar. Foi esta madrugada cando os últimos veciños afectados puideron contar con auga nas súas casas. Fuente Parga explicou que unha motobomba do Concello e os bombeiros do parque comarcal de Barreiros tiveron que abastecer de auga, na tarde de onte, ás explotacións gandeiras de Remior. Nas vindeiras semanas o Concello acometerá unha obra de emerxencia nesa zona. Consistirá en cambiar o percorrido da tubaxe para que non atravese a estrada provincial.

O alcalde de Barreiros contou que “onte en Barreiros tivemos un problema no abastecemento de auga pola rotura dunha tubaxe na zona de Remior. Nestes últimos meses é a segunda avaría grave que temos nesa zona por culpa dun tubo de fibrocemento que abriu polo medio, non é como noutros casos nos que se xera un pequeno furado, neste caso abriu todo o tubo. A traída de auga alí vai a unha profundidade importante e hai que sumar que vai polo medio dunha estrada provincial. Houbo que abrir unha gran fosa e houbo problemas porque si se enchía de auga dificultaba as tarefas de arranxo. Isto provocou que se baleirara o depósito de Merille, o cal levou a que a partir do mediodía os veciños de San Cosme quedaran sen auga. Pouco a pouco se intentou ir restablecendo por outra vía e en torno ás once da noite se puido restablecer na parroquia de San Cosme. E en Remior, onde hai unha zona cunhas gandeirías importantes, nosoutros coa nosa motobomba e os bombeiros levamos auga a algunhas gandeirías. Isto levaba o seu tempo dado que tiñan esperar a que o gando fora bebendo pouco a pouco. Eu estiven en contacto en todo momento con eles e foise solucionando. Houbo que traballar duro, e na zona da fuga a partir das once da noite só quedaban catro casas sen servizo, e ás dúas e media da mañá remataron os traballos e puido ter servizo todo o mundo. Neste momento está xa restablecido todo o servizo, e estase arranxando a estrada que está cortada, como estivo no día de onte”.

Alfonso Fuente dixo que “é unha zona que agora detectamos que está a romper ademais desta forma que nos chama moito a atención, que abra todo o tubo polo medio, que pode ser que, ao ir por debaixo da estrada, que esta cedera un pouco o chan e que lle faga abrir o tubo”.

O rexedor anunciou que “imos iniciar unha obra de emerxencia primeiro sacando a tubaxe de debaixo da estrada e levándoa a zona da cuneta. A ver se a semana que ven podemos poñernos en contacto con algunhas empresas que poidan facelo de inmediato, e cambiar esa tubaxe. Onte se cambiaba outra e fai aproximadamente un mes se cambiaban outros seis metros, entón o que hai que facer é esa obra de emerxencia e cambiar o tramo. Tamén é certo que hai unha promotora que iniciou de novo a construción dun edificio que estaba paralizado e que, con cargo a esa promoción, teñen que cambiar toda a tubaxe desde o cruce de abaixo de Remior. Poñerémonos en contacto con eles para que fagan esta obra conxuntamente con nós e polo tanto o cargo ao Concello desta obra será moito menor xa que son moitos menos metros, dado que o resto de metros ata o cruce de Remior terá que executalo esta promotora”.

E subliñou: “polo tanto o custe para os veciños vai ser mínimo e imos intentar que se faga canto antes para evitar que ocorran estas cousas. É unha zona que hai moita gandeiría e hai un gran consumo de auga. De feito xa se cambiara toda a tubaxe desde o Eroski ata Remior, que era un tramo que tamén daba moitos problemas e rompía continuamente, e agora falta esta parte baixa de Remior ata chegar ao cruce da estrada da praia. É un tramo que está dando estes problemas e vai ser o que se vai cambiar, e así o estamos facendo, vendo eses tramos que nos quedan en fibrocemento e indo substituíndo por unha tubaxe máis moderna e de máis sección”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *