O ciclo Con Voz de Muller 8-M da Deputación pon o broche de ouro este domingo en Barreiros con Habelas Hainas

Lugo, 5 de marzo de 2022. A Deputación de Lugo pon o broche de ouro ao ciclo de concertos Con Voz de Muller 8-M este domingo en Barreiros coa actuación de Habelas Hainas. Será no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro, en San Cosme, ás 19:00 horas, e forma parte desta nova iniciativa organizada por primeira vez este ano pola institución, que pretende achegar aos concellos da provincia música en feminino con motivo do Día Internacional da Muller, que se conmemora cada 8 de marzo.A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, anima á veciñanza da Mariña e do resto de comarcas da provincia a unirse a este concerto que será gratuíto. “O directo de Habelas Hainas é marabilloso e creo que nos van sorprender unha vez máis, elas son catro mulleres cun repertorio de música tradicional dándolle unha visión fresca e actual”, explica.

Loureiro incide en que mulleres coma as compoñentes de Habelas Hainas son un exemplo “para todas nós e para as nosas nenas e nenos”. “O que pretendemos con este ciclo é sensibilizar, romper estereotipos e favorecer a visibilización e o empoderamento das mulleres a través da música de mulleres con voz propia que cantan e expresan os nosos dereitos a través da música, como o fan os catro grupos que eliximos para o cartel”.
A Deputada pon o foco en que “cada vez máis temos máis voces no noso panorama musical mulleres que fan música con linguaxe propia, que lle poñen letra á nosa realidade e reivindicacións, que falan das diferentes formas de querer, e que son o exemplo de como xuntas somos máis e mellores”.

Habelas Hainas, mirada feminista e social
Habelas Hainas é un grupo de mulleres que é un exemplo do novo trad e folk galego, onde as mulleres van ocupando, cada vez máis, o protagonismo. O grupo nace en 2010 cando Arantza Alfaia, Patricia Gamallo, Jara Ortiz e Sandra Tamayo, cada unha delas cunha longa traxectoria no mundo da música tradicional, cruzan os seus camiños. Cantan dende unha óptica feminista e socialmente comprometida cun son enérxico e orixinal onde soa o tamboril, o bombo, darbuka, caixón flamenco, o bombo, a pandeireta , a gaita, a guitarra, o acordeón, os crótalos árabes e o pandeiro.

Boa acollida dos concertos
Este ciclo musical que lanzou a Deputación arrancou a súa primeira edición con boa acollida nas primeiras actuacións. O venres en Vilalba contouse co concerto de Laura LaMontagne & PicoAmperio; o sábado con Uxía na Fonsagrada, e De Vacas en Taboada. O concerto de Habelas Hainas clausura esta primeira edición na comarca da Mariña.