O CÁMPING GAIVOTA ACOLLERÁ O CONCERTO DE GELEM GELEM ESTE VENRES, 7 DE AGOSTO, E O DOMINGO FALÚA ACTUARÁ NO CICLO CONCERTOS AO SOLPOR DO EIDO DOURADO

O CÁMPING GAIVOTA ACOLLERÁ O CONCERTO DE GELEM GELEM ESTE VENRES, 7 DE AGOSTO, E O DOMINGO FALÚA ACTUARÁ NO CICLO CONCERTOS AO SOLPOR DO EIDO DOURADO.

Barreiros, 6 de agosto de 2015. O Cámping Gaivota e o espazo Eido Dourado acollerán este venres e  este domingo dous concertos. O de Gelem Gelem celebrarase no Gaivota a partir das 11 da noite do venres, 7 de agosto,  xunto á tradicional queimada, e o de Falúa, proxecto da cantante Sara de Sousa, terá lugar no Eido Dourado dentro do ciclo Concertos do Solpor dos domingos de verán. Será o 9 de agosto ás dez da noite.

Celso Dourado, xestor dos dous espazos, explica o programa, que no caso dos Concertos ao Solpor “é xa a 4º concerto deste verán e comeza sobre as 22 horas do domingo . “Nesta proposta imos presentar a Falúa, que é o nome do grupo coa que se presenta aquí na Mariña Sara de Sousa. Dela podemos dicir que é unha das voces, xunto a Xiana Lastra, da nova canción galega. É unha renovadora da canción herdeira claramente das “Uxías”. Sara ten unha estreita relación coa canción portuguesa e o seu repertorio abrangue toda unha área que podemos definir como lusofonía. O seu repertorio ten influencia tanto dos ritmos brasileiros como latinoamericanos, pasando incluso por lugares como pode ser Mozambique ou Cabo Verde”.

A entrada coma sempre nos Concertos ao Solpor e libre a gratuíta. “O aforo é de 200 persoas cunha media de 180 sentadas”, indica Dourado, que agarda que “unha vez máis o tempo nos axude coma nestes últimos concertos que fixemos, que sempre se nos deu unha noite totalmente fermosa. Pode ser un dos bonitos concertos que teñen lugar no Eido. Fago un chamamento á xente que queira a musica, que queira a canción, que veña a este concerto porque non vai decepcionar. Sara no seu pequeno percorrido na actualidade nunca decepcionou e esperamos que unha vez máis sexa unha delicia escoitala”, manifestou.

A cita de mañá día 7, “unha estraña cita”, segundo Dourado, “preséntase coa xa tradicional queimada dos venres a partir das 11 da noite no Cámping Gaivota. Os venres facemos sempre no Cámping unha queimada mesturada con músicas de raíz. Neste caso preséntase o grupo Gelem Gelem, e entre a súa formación está un excepcional músico romanés. Os ritmos balcánicos soarán esta vindeira noite do 7 de agosto no Cámping Gaivota e espero que cunha marcha incrible. Invito a todos a que asistan a gozar desta nova formación”.