O CAMPAMENTO IMPLÍCATE FIXO UNHA DOAZÓN DE ALIMENTOS NON PERECEDOIROS PARA O BANCO DE ALIMENTOS MUNICIPAL

110815 Foto banco alimentos Barreiros 1O CAMPAMENTO IMPLÍCATE FIXO UNHA DOAZÓN DE ALIMENTOS NON PERECEDOIROS PARA O BANCO DE ALIMENTOS MUNICIPAL

Barreiros, 11 de agosto de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente, recibiu unha doazón de alimentos non perecedoiros para o banco de alimentos municipal. Foi realizada polo Campamento Implícate, do albergue de A Devesa.

Segundo explicou o rexedor “recibimos unha doazón para o banco de alimentos municipal. A entrega foi feita polos monitores Enrique e Nerea e polos rapaces Alberto, Inés e Laura, que representaban ao grupo Campamento Implícate, do albergue de A Devesa, que pasan aquí uns días no marco dos campamentos de verán da Xunta de Galicia”.

Fuente Parga engadiu que “o Campamento Implícate,  segundo nos relataron os seus monitores e rapaces e rapazas asistentes, é un campamento solidario no que fan actividades de acción social, entre as que contan a limpeza de praias, a información turística e doutros eventos aos visitantes, un blog de actividades sociais da zona, o feirón – troco solidario, etc”. O rexedor seguiu a relatar que “como froito dese feirón – troco está a doazón feita no Concello de Barreiros. Consistiu en cambiar – trocar manualidades e artesanías feitas polos rapaces e rapazas do campamento por alimentos non perecedoiros coa fin de que se doaran e chegaran ás persoas sen recursos”.

O alcalde de Barreiros agradeceu o xesto: “todo o que poidamos recoller para o banco de alimentos ben recibido será”.