O ‘Camiño Gastronómico do Mar’ chega esta fin de semana a Foz e Barreiros

O ‘Camiño Gastronómico do Mar’ chega esta fin de semana a Foz e Barreiros

16-10-20

 Burela, 16 de outubro, 2020. Esta fin de semana celébrase a segunda etapa do “Camiño Gastronómico do Mar”, unha serie de xornadas gastronómicas que están percorrendo a costa norte de Galicia ofrecendo receitas de catro das especies pesqueiras máis representativos da lonxa de Burela: pescada do pincho, peixe espada, xurel (chicharro) e peixe sapo.
Trátase dunha campaña que a Organización de Produtores Pesqueiros de
Lugo pon en marcha en colaboración coa “Asociación Amigos do Camiño do
Mar Peregrinación a Santiago de Compostela” e Armadores de Burela cun
triple obxectivo: fomentar o consumo de peixe, apoiar ao sector hostaleiro do norte de Galicia e promocionar o “Camino del Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camino Inglés a Compostela.
Nesta segunda fin de semana ten lugar nos concellos de Barreiros e Foz, onde entre o venres e o domingo ofrécense pratos especiais con sabor a “Peixe de Burela” en La Yenka, Restaurante Rías Altas, Rincón do Mis e Casa Selmira.
La Yenka (Barreiros) ofrece as súas receitas de “Cachopo de pescada do
pincho de Burela en salsa de ourizos” e “Xurel recheo de xamón en base de pataca panadeira”.
Restaurante Rías Altas (Barreiros) propón unha serie de pratos: “Salpicón de Peixe sapo e peixe espada sobre pan de mariñeiros (galletas mariñeiras)”, “Croquetas de peixe espada con crema de queixo azul”, “Peixe espada en reducción de mel, romeu e limón” e “Peixe sapo en salsa de améndoas”.
Rincón do Mis (Foz) ofrece as súas elaboracións de “Wok de peixe sapo
salteado con gambón, gulas e algas”, “Peixe sapo en salsa americana”,
“Peixe espada á viscaína” e “Peixe espada en salsa verde”.
Pola súa parte, Casa Selmira (Cangas, Foz) ofrece un menú degustación con “Empanada de pescada do pincho de Burela”, “Xurel ao forno”, “Pescada do pincho de Burela á sidra”, “Xarrete de tenreira estofado” e “Surtido de tartas caseiras”.
A campaña celébrase durante oito fins de semana ata o próximo 6 de
decembro e consiste na degustación de catro das especies máis
representativos das frotas pesqueiras de OPP Lugo, que terán lugar en dous restaurantes de cada un dos quince concellos polos que circula o “Camiño do Mar”, desde Ribadeo ata Neda: nuns ofrecen pratos de pescada do pincho e xurel; e noutros receitas de peixe espada e peixe sapo.
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción de OPP Lugo
incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.