O BNG XA CONFIRMOU A SÚA PARTICIPACIÓN NO DEBATE ELECTORAL QUE PROMOVEN AS ASOCIACIÓNS DE BARREIROS

bngO BNG XA CONFIRMOU A SÚA PARTICIPACIÓN NO DEBATE ELECTORAL QUE PROMOVEN AS ASOCIACIÓNS DE BARREIROS.

Ana Ermida valora “moi positivamente” este tipo de iniciativas que permiten á poboación participar da vida política e coñecer e contrastar en primeira persoa as distintas alternativas.

“O BNG sempre está disposto a debater e falar coa xente, polo que estas actividades sempre contarán coa nosa participación”, afirma a candidata.

Barreiros, 1 de maio de 2015.- O BNG de Barreiros aceptou inmediatamente o convite que lle fixeron chegar 23 asociacións e colectivos do concello para a celebración dun debate entre as tres persoas que encabezan as candidaturas que se presentan no concello para as vindeiras eleccións do 24 de maio.

A candidata do BNG-Asembleas Abertas, Ana Ermida, sinalou que “é unha iniciativa que merece a pena apoiar e, desde logo, o BNG sempre está en disposición de debater. Por iso non dubidamos nin un só momento cando nos convocaron a aceptar o convite.” Neste sentido, a candidata nacionalista agradeceu “o esforzo das asociacións e colectivos por dotar a Barreiros de maior transparencia, democracia e participación cidadá nos asuntos públicos. Todo un exemplo no funcionamento democrático municipal”, asegurou.

“É o mínimo democrático que se lle esixe a calquera persoa que encabece unha candidatura que opte a gobernar un concello: escoitar e responder ás cuestións das veciñas e veciños”, afirma. “E neste caso, nun exercicio de democracia, iniciativa social e cooperación, máis de 20 asociacións e colectivos foron quen de poñer en marcha unha iniciativa coma esta que merece todo o respecto e apoio e demostra que a sociedade está interesada en coñecer as distintas opcións e poder valoralas directamente.”

“Non se entendería que calquera persoa que aspira a ser elixida democraticamente non tomara parte nunha actividade así, expresión da democracia e a participación cidadá ao máis alto nivel”, afirma Ana Ermida. “Os representantes públicos debémonos ás veciñas e veciños e temos a obriga mínima de atender as súas peticións”, continúa.

“Neste caso, ademais, a representación social é moi ampla, ao tratarse dun grupo moi numeroso de colectivos ao que aínda poden sumarse máis nas vindeiras semanas.Trátase dun exercicio de democracia nunca visto en Barreiros e, desde logo, desde o BNG poñeremos todo da nosa parte para que poida ter lugar a súa celebración”, conclúe Ana Ermida.