O BNG TRASLÁDALLE Á DIRECTORA XERAL DE TURISMO DA XUNTA A PREOCUPANTE SITUACIÓN EN BARREIROS

O BNG TRASLÁDALLE Á DIRECTORA XERAL DE TURISMO DA XUNTA A PREOCUPANTE SITUACIÓN EN BARREIROS

A formación nacionalista convoca unha asemblea veciñal para o mércores ás 20:30 para trasladar a información e recoller as inquedanzas veciñais.

Na mañá de hoxe rexistraron no Concello a solicitude dun pleno extraordinario para abordar a situación.

Barreiros, 3 de xullo de 2017. O Bloque Nacionalista Galego aproveitou a visita da Directora Xeral de Turismo, Nava Castro, a Barreiros para trasladarlle persoalmente a súa preocupación pola situación vivida na pasada fin de semana e a mala imaxe que se está a proxectar de Barreiros.

“Pensamos que a situación é o suficientemente grave como para que unha das máximas responsables de turismo na Xunta tivese coñecemnto directo da cuestión. Polo que en canto soubemos da súa visita, decidimos achegarnos a Vilamartín para falar directamente con ela”, sinalan.

A Portavoz municipal, Ana Ermida, explicoulle a situación xerada pola “falta de previsión e coordinación e aseguroulle que os feitos ocurridos están a proxectar unha imaxe nefasta para o sector turístico local e, por extensión, galego.”

A Directora Xeral amosouse receptiva e asegurou que para ela e para o propio Presidente da Xunta a imaxe que se proxecta é fundamental, por ser unha porta de entrada a Galiza, explican desde o BNG.

“Máis aló das discrepancias que podemos ter co Partido Popular no modelo turístico que queremos para o noso concello, preocúpanos inmensamente a xestión que se está a facer e como se está a perder a referencialidade neste sector pola irresponsabilidade do goberno municipal”, argumentou Ana Ermida.

“Agardamos que a Directora Xeral faga todo o que estea na súa man para tratar de solucionar esta situación e que o Partido Popular se responsabilice das actuacións que a súa formación está a realizar en Barreiros”, sinala Ana Ermida.

Convocan unha asemblea veciñal para valorar a situación e propor actuacións.

Desde o BNG lanzaron hoxe a convocatoria dunha asemblea veciñal, baixo o lema SOS Barreiros, na que convidan a asistir a asociacións, profesionais do turismo e veciñanza en xeral para coñecer a información de primeira man, explicar a situación municipal e recoller as inquedanzas que queiran trasladarlles.

“Estamos xusto na metade do mandato, van dous anos e quedan outros dous, e cremos que a situación desta fin de semana non é máis ca punta do iceberg que amosa que estamos nunha verdadeira situación de emerxencia”, explican.

“ Coas parroquias desatendidas, cos problemas que había hai dous anos igual ou peor, sen que o goberno municipal dea sinais da máis mínima preocupación, cremos que é o momento de lanzar unha sinal de socorro. Queremos que a asemblea do mércores sexa un SOS para poñer a Barreiros noutra dirección e que a xente poida trasladarnos os problemas e inquedanzas que existen”, manifesta Ana Ermida.

Para iso, convocan unha asemblea veciñal aberta no Centro Sociocultural de San Cosme o vindeiro mércores, 5 de xullo, ás 20:30 horas.

Solicitude dun pleno extraordinario.

Como xa anunciaban no día de onte, o grupo municipal do BNG  rexistrou formalmente a solicitude dun pleno extraordinario e urxente para tratar, fundamentalmente a situación dos servizos vinculados ás praias e ao turismo.

O pleno, que terá que ser convocado nun máximo de 15 días, terá a orde do día proposta polo BNG, tratando sobre “os servizos de socorrismo, desbroces, limpeza de praias, depuración e saneamento e o modelo de xestión que se está a implantar polo goberno municipal do PP, con cada vez máis servizosprivatizados e en peores condicións”, explica Ana Ermida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *