O BNG SOLICITARÁ QUE SE HABILITEN BOCAS DE INCENDIO NAS PARROQUIAS DE BARREIROS

O BNG SOLICITARÁ QUE SE HABILITEN BOCAS DE INCENDIO NAS PARROQUIAS DE BARREIROS.

A veciñanza das parroquias do interior denuncian o esquecemento e abandono ao que está sometida por parte do goberno municipal.

Barreiros, 14 de febreiro de 2015. O BNG de Barreiros reuniuse nesta semana coas veciñas e veciños de San Xusto e Vilamar. Nestas reunións, nas que a formación nacionalista recolle as inquedanzas e propostas da xente, “o sentimento unánime que se amosa é o de sentirse completamente abandonados polo goberno municipal “, afirma a portavoz municipal, Ana Ermida. “A xente non comulga con rodas de muíño e cando se leva catro anos sen facer nada polas parroquias os anuncios electoralistas de última hora non son cribles”, aseguran desde o BNG.

Nestas reunións “a atención adoita centrala o estado das vías municipais, que é de total abandono e non como consecuencia das condicións meteorolóxicas, se non como consecuencia da falla de mantemento e atención que veñen sufrindo desde hai anos”, expón Ana Ermida.

“Con todo, sempre se recollen propostas interesantes, como a que nos trasladaron en San Xusto a respecto da posibilidade de habilitar bocas de incendio nas que coller auga para o camión de bombeiros ou cisternas no caso de ser preciso. Segundo a veciñanza, esa cuestión xa foi trasladada no seu momento sen que tivera ningún tipo de resposta”, informan desde a formación frontista.

“Desde o BNG valoramos moi positivamente esa proposta e solicitaremos no concello que se analice a viabilidade de realizar esa pequena inversión nas parroquias, que suporía un importante avance na seguridade da veciñanza para casos de incendio, ao igual que a construción de depósitos naqueles lugares nos que non existen”, asegura Ana Ermida.

Desde o BNG, facéndose eco das demandas veciñais, insisten en reclamar “maior atención ao goberno municipal sobre o estado da rede viaria, a deixar de buscar culpables fóra e a asumir a responsabilidade de quen leva anos sen atender a camiños, estradas e pistas, a pesar de contar con un concelleiro delegado de obras que cobra todos os meses do concello por, na teoría, facer este tipo de traballo.”