O BNG SOLICITA EXPLICACIÓNS EN PLENO SOBRE OS SERVIZOS QUE SE PRESTAN EN BARREIROS

O BNG SOLICITA EXPLICACIÓNS EN PLENO SOBRE OS SERVIZOS QUE SE PRESTAN EN BARREIROS, OS INVESTIMENTOS E O CONTROL SOBRE OS SERVIZOS CONTRATADOS.

A formación nacionalista rexistrou a solicitude acompañado de máis de 150 sinaturas de veciñas e veciños.

Barreiros, 30 de agosto de 2018. O BNG vén de rexistrar en Barreiros un escrito, acompañado de sinaturas recollidas fundamentalmente na zona de praia, no que se pide que no vindeiro pleno “se dea conta detallada das actuacións, investimentos e xustificacións das mesmas realizadas nos servizos municipais; así como o sistema de control que se ten establecido desde o goberno municipal para garantir o funcionamento dos servizos públicos.”

A portavoz municipal, Ana Ermida, explicou que desde o BNG quixeron “facer de altofalantes das demandas veciñais e, neste caso, tamén das de aquelas perosas que teñen establecida a súa residencia temporal no noso concello desde hai moitos anos e que nos trasladaron a súa preocupación e malestar pola deriva na situación do Concello de Barreiros.”

Desde o BNG explican que “estas persoas que teñen a súa segunda residencia en Barreiros tamén contribúen dalgún xeito ás arcas municipais e téñense convertido, dun xeito ou outro, en parte da base social barreirense.”

“Puidemos constatar que o malestar é cada vez maior tamén na zona da praia, polo que tampouco podemos obviar as demandas que se realizan que, en moitos casos, son coincidentes coas que realizan as veciñas e veciños que residen permanentemente en Barreiros. Por iso realizamos unha recollida de sinaturas simbólica, de só un par de días, para acompañar e reforzar unhas peticións que son practicamente unánimes en todo o concello de Barreiros”, aseguran.

“O que queremos é recibir algunha explicación sobre as razón para que Barreiros camiñe cara atrás en todos os sentidos, por que cada vez temos menos e peores servizos e, por riba, máis caros. Queremos que no pleno de setembro se faga un exercicio de análise para comezar a traballar xa nas medidas necesarias para que Barreiros recupere o bo nome”, asegura Ana Ermida.

Desde o BNG manifestan o seu apoio ás reivindicacións veciñais relativas tanto á zona de praia coma ao interior e póñense a disposición da veciñanza, “despois de ter recollidas numerosas demandas nas reunións” que realizaron durante o mes de agosto e que “servirán de base para elaborar o programa electoral para as eleccións municipais do ano que vén”, sinalan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *