O BNG RENUNCIA A COBRAR OS 400 EUROS POR ASISTIR A UN PLENO EN BARREIROS POR CONSIDERALO INÚTIL E BALEIRO DE CONTIDO

.O BNG RENUNCIA A COBRAR OS 400 EUROS POR ASISTIR A UN PLENO EN BARREIROS POR CONSIDERALO INÚTIL E BALEIRO DE CONTIDO

O pleno extraordinario solicitado pola formación nacionalista para marcar as condicións da transferencia dun vial da Deputación foi convocado para hoxe, cando a cesión se aceptou o 9 de xullo.

Barreiros, 20 de xullo de 2018. As concelleiras e concelleiros do BNG en Barreiros veñen de renunciar a percibir a contía que lles corresponde por asistencia a pleno, ao considerar que a celebración do mesmo no día de onte desvirtúa a petición e impide, de feito, a consecución do acordo.

Segundo manifestou a portavoz municipal, Ana Ermida, “non nos parece ético cobrar 100 euros por persoa por asistir a un pleno que non vai servir para nada. Pola cabezonería do alcalde, perdeuse a oportunidade de ter tratado esta cuestión antes de aceptar a cesión e conseguir así un acordo beneficioso para as veciñas e os veciños de Barreiros”.

Cando o Bloque Nacionalista Galego solicitou o pleno, aínda non se tiña aceptado o vial xa que a aceptación produciuse no pleno do 9 de xullo, cando o alcalde tratou de meter o acordo solicitado polo BNG dun xeito irregular e, tamén, con posterioridade á aceptación.

Ana Ermida sinalou que “dado que o pleno está baleiro de contido e o tratamento do solicitado a estas alturas carece de utilidade para a veciñanza, non queremos supor un quebranto económico ao Concello e renunciamos a cobrar os 400€ que nos corresponden por asistencia para que se destinen a algo necesario. É un día de desbroce, que fai boa falta”, apuntou.

As concelleiras e concelleiros nacionalistas foron os únicos que tiveron este xesto e tanto o PP coma o PSOE cobrarán 100 euros por persoa por estar nun pleno que durou menos de 4 minutos e no que só interviron a portavoz municipal do BNG e o alcalde.

“Coa situación económica municipal, gastar 600€ en pagar asistencia a un pleno de catro minutos escasos e no que non se resolve absolutamente nada roza o insulto”, manifestan.

Con todo, desde o BNG mantiveron a súa proposta e defenderon que o Concello de Barreiros se dirixise á Deputación de Lugo para negociar o arranxo do vial ou o traspaso de fondos suficientes para realizalo posteriormente. A proposta do BNG non saiu adiante, xa que só foi defendida pola propia formación nacionalista; votando en contra o Partido Popular e absténdose o PSOE.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *