O BNG PREOCÚPASE POLA SITUACIÓN DO SERVIZO DE SOCORRISMO E DAS PRAIAS DE BARREIROS

O BNG PREOCÚPASE POLA SITUACIÓN DO SERVIZO DE SOCORRISMO E DAS PRAIAS DE BARREIROS.

“A incapacidade para xestionar do alcalde e o seu equipo de goberno colocaron aos areais de Barreiros nunha situación crítica sen servizos e co control minguado, co que iso supón para a seguridade das persoas”, afirman desde o BNG.

Barreiros, 16 de xullo de 2015. O Bloque Nacionalista Galego levará ao pleno de xullo unha batería de preguntas sobre a actual situación das praias e dos servizos que nelas se prestan, incluído o de socorrismo.

Para o grupo municipal nacionalista ven sendo unha preocupación constante o xeito de xestionar turisticamente o concello e, nomeadamente, a planificación que se fai dos traballos relacionados cos areais. “Coas últimas novas, onde nos enteramos que a persoa que coordina desde hai vinte anos o servizo de socorrismo deixa de facelo por discrepancias co sistema, ratifícase o que desde o BNG vimos dicindo hai anos”, asegura a portavoz municipal, Ana Ermida.

“En Barreiros non existe planificación nin traballo preparatorio de algo tan básico como a adecuación dos areais para a temporada de verán. Cada ano vemos como os traballos se fan máis tarde e peor e, parece ser, que se lle impide traballar a quen máis pode saber e coñecer as necesidades”, explican.

Neste sentido, desde o BNG lembran que non asistiron ao izado das bandeiras azuis por discrepancias evidentes no xeito de xestionar a política turística e, nomeadamente, as actuacións nas praias. “E o tempo ven a darnos a razón. Vemos como non existe planificación nos traballos, como se actúa por impulsos e en función das peticións que se lle fan chegar ao concello e, en moitas ocasións, ignorando a propia normativa elaborada polo mesmo goberno. É absolutamente desastroso e amosa que incluso cuestións rotineiras e que sempre hai que facer na mesma época se abandona e se deixan sen facer”, afirman desde o BNG.

Arealonga, o exemplo visible da deixadez municipal.

Para o BNG, a nula xestión e a falta de capacidade do goberno municipal para afrontar este tipo de cuestións escenifícanse visualmente na praia de Arealonga. “A que foi unha praia de referencia, con preto de dous quilómetros de areal que sempre estaba ateigada de xente, mostra a día de hoxe un estado de abandono total, levando anos con un rego de augas fecais que provén da depuradora que desemboca directamente na praia”, explica Ana Ermida. “Esta situación xa supuxo a perda do galardón bandeira azul, pero este ano súmase unha falla de medidas para rexenerar o areal que están sen tomar a estas alturas e que todo apunta que se iniciarán en breve, en plena tempada de verán; poñendo o broche ao despropósito que é este goberno municipal tamén nesta materia”, sentencian desde as filas nacionalistas.

O servizo de socorrismo, en entredito pola incapacidade do goberno municipal.

Para o BNG é preocupante a situación na que se atopa o servizo de salvamento e socorrismo de Barreiros como consecuencia da falta de capacidade do alcalde, Alfonso Fuente e do seu equipo para xestionar algo tan habitual como é o socorrismo. “Un servizo que sempre se caracterizou pola eficacia e o bo facer das persoas que forman parte do mesmo”, aseguran. “Porén, agora mesmo, a incapacidade do goberno municipal, co alcalde á cabeza, puxo en perigo o servizo e, polo tanto, as persoas usuarias dos areais”, continúan.

“Xa nos temos interesado noutras ocasións polo sistema de contratación deste servizo, para o que non existe convocatoria pública de emprego nen probas de selección que acrediten as capacidades das persoas que van ocupar eses postos”, explican desde o grupo nacionalista.

“E neste momento, o servizo de socorrismo das praias de Barreiros atópase nunha situación de interinidade, sen persoa coordinadora a tempo completo e sen ter cubertos postos cruciais para poder prestar todos os servizos, igual que xa aconteceu no pasado verán coa ambulancia que pasou parte da tempada sen poder moverse por falta de persoal capacitado”, afirma Ana Ermida.

Desde o BNG insisten en solicitar do goberno municipal “a máxima implicación para dotar as praias de Barreiros dun servizo adecuado ás necesidades e que garanta a seguridade nos areais, nunha tempada que xa se amosou complicada e que agardamos que non haxa que lamentar males maiores”, insisten.

A formación nacionalista lamenta “que o alcalde se desviva por aparecer en actos en areais que non son da súa competencia e teña os oito quilómetros de praias de Barreiros totalmente desatendidos e sen os servizos básicos.” Por iso, pídenlle “seriedade e que se centre en poñer a Barreiros a funcionar e lograr que se converta en referencia turística por si mesmo, sen necesidade de  buscar protagonismos onde non lle corresponden”,  conclúen.