O BNG PREGUNTA AO GOBERNO DE BARREIROS POLA CONSTRUCCIÓN DUNHA SUBESTACIÓN ELÉCTRICA NO MONTE DAS FACHAS

O BNG PREGUNTA AO GOBERNO DE BARREIROS POLA CONSTRUCCIÓN DUNHA SUBESTACIÓN ELÉCTRICA NO MONTE DAS FACHAS

“Se se confirma a existencia do xacemento e se promociona convintemente, Barreiros pode converterse nun referente arqueolóxico con este e o xacemento da Roda, en Reinante”, asegura Ana Ermida.

“Non podemos arriscarnos a autorizar a construcción dunha subestación eléctrica enriba dun lugar onde pode haber restos arqueolóxicos”, afirman desde o BNG.

Barreiros, 9 de maio de 2016. O grupo municipal do BNG en Barreiros presentou unha serie de preguntas dirixidas ao alcalde sobre a concesión da licenza de obras que debe outorgar o concello para a construcción dunha subestación eléctrica no Monte das Fachas, en San Xusto.

Neste lugar, coñecido por albergar algún tipo de xacemento megalítico, preténdese instalar unha subestación eléctrica para a que parece que a delegación de Patrimonio da Xunta non pon ningún impedimento. Pola contra, a existencia do xacemento está historicamente documentada e existen referencias ao mesmo tanto en textos de historiadores como no propio inventario arqueolóxico elaborado á hora de delimitar o Camiño de Santiago.

Desde o BNG realizan unha batería de preguntas coas que pretenden “comprobar se se está poñendo todo o celo que corresponde por parte das administracións á hora de preservar un xacemento que pode ter alto valor tanto histórico coma cultural”, explican.

“É sorprendente que a propia Xunta catalogue este xacemento hai uns anos e conclúa agora que non existe, cando se trata de construir unha subestación eléctrica no lugar. Queremos pensar que non se priorizan outros intereses por riba dos históricos, culturais e patrimoniais”, afirma a portavoz do BNG en Barreiros, Ana Ermida.

Nas preguntas realizadas para a súa contestación no pleno de maio ou por escrito se houbera que dar algún paso antes dese pleno, o BNG pretende saber se o Concello ten coñecemento da realización e dos resultados das catas realizadas por Patrimonio, se se personou no procedemento á fin de notificar a existencia do xacemento ou se, á vista dos datos existentes, ten previsto outorgar a licenza sen máis comprobacións.

Desde o BNG consideran que “non pode priorizarse a construcción dunha subestación eléctrica á preservación do patrimonio cultural, polo que a obriga do Concello neste caso é facer o posible por clarificar a situación e, desde logo en caso de dúbida, debe facilitarse a construcción noutro lugar e preservar un posible xacemento que podería promocionarse e ter grande importancia histórica á altura de outros similares en Europa como o de Stonehenge e que se sumaría á existencia no concello doutro similar no caso da Roda, en Reinante”, conclúen desde a formación nacionalista.