O BNG PÍDELLE AO GOBERNO DE BARREIROS QUE SOLICITE UNHA REVISIÓN CATASTRAL QUE ADECUE OS VALORES DOS INMOBLES Á SITUACIÓN ACTUAL

O BNG PÍDELLE AO GOBERNO DE BARREIROS QUE SOLICITE UNHA REVISIÓN CATASTRAL QUE ADECUE OS VALORES DOS INMOBLES Á SITUACIÓN ACTUAL

O IBI que se paga en Barreiros é dos máis altos da provincia e os valores catastrais perxudican en transmisións, herdanzas, acceso a axudas, etc.

O goberno municipal ten pendente rebaixar o tipo impositivo do IBI a raíz dunha moción presentada e defendida polo BNG nun pleno anterior.

Barreiros, 12 de abril de 2016. O grupo municipal do BNG en Barreiros solicitou no último pleno que o goberno municipal se dirixa ao goberno central para pedir unha nova revisión catastral na que os valores que se poñan aos inmobles se rebaixen, adaptándoos  á actual situación ecónomica e ao valor real en función da ubicación dos mesmos.

A petición do grupo nacionalista vén motivada pola “excesiva  carga que está supoñendo o Imposto sobre Bens Inmobles no concello de Barreiros, que ademais é un dos concellos da provincia co tipo impositivo máis alto”, lembran desde o BNG.

A portavoz municipal do BNG en Barreiros insiste en que “esta cuestión é prioritaria para o grupo municipal nacionalista, pola incidencia que ten sobre a poboación. Por iso esta iniciativa preséntase para complementar a xa debatida e aprobada o ano pasado e  que goberno municipal aínda ten pendente de executar”. Refírese á rebaixa do tipo impositivo -que marca o concello e determina o imposto sobre os inmobles- que debe realizarse  tras adoptarse un acordo unánime da corporación, promovido polo BNG, que pedía rebaixalo para tentar paliar as continuas subidas de impostos que soportan as veciñas e veciños de Barreiros”.

Nesta nova iniciativa defendida no pleno do pasado luns, o BNG pide ao goberno municipal que se dirixa ao goberno central  “demandando  expresamente unha revisión á baixa dos valores catastrais dos inmobles, rebaixándoa e adaptando o valor catastral ao valor real.”

Segundo explica Ana Ermida “a revisión catastral que se fixo en Barreiros foi tomando uns valores dos bens que non se axustan á realidade actual. Tomáronse como referencia os datos de épocas boas e igualáronse en todo o concello, dándose un valor excesivo en todos os casos; pero especialmente na zona rural, onde calquera pendello é calificado como inmoble cun valor moi superior ao real.”

“O prexuízo que xenera esta cuestión non se refire só ao pago do imposto que, en moitos casos –entre o novo valor e a regularización realizada o ano pasado- chegou a triplicar o seu importe; senón que afecta tamén a cuestións como os impostos  que se deben pagar en caso de herdanzas e transmisións ou, incluso, especialmente na zona máis rural -onde a recente regularización incluiu no IBI todo tipo de construccións ou pendellosque contabilizan como patrimonio- desvirtuando a realidade e afectando ás propias explotacións e familias á hora de acceder a axudas públicas, xa que consta un valor patrimonial moi alonxado da realidade.”

O grupo nacionalista plantexou esta cuestión coma un rogo, oralmente, ao goberno municipal no pleno de marzo e teñen previsto a presentación da mesma inciativa para o seu debate no seguinte pleno e acadar un posicionamento da corporación que permita que se aplique unha revisión dos valores á baixa, tendo en conta a realidade económica actual e a diferente valoración dos inmobles en función da súa ubicación.