O BNG pedirá no pleno que se elabore un plan integral de xestión dos areais como parte dun plan de desenvolvemento turístico

A RENUNCIA ÁS BANDEIRAS AZUIS EN BARREIROS É UNHA FUXIDA CARA ADIANTE PARA EVITAR ASUMIR RESPONSABILIDADES.

O BNG pedirá no pleno que se elabore un plan integral de xestión dos areais como parte dun plan de desenvolvemento turístico.

Barreiros, 26 de novembro de 2016. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros cualifica a decisión do alcalde, Alfonso Fuente, de non solicitar os galardóns Bandeira Azul como unha fuxida cara adiante para evitar recoñecer a súa incapacidade e a falta de atención que veñen sufrindo os areais barreirenses nos últimos anos. “Debemos lembrar que esta decisión non é tomada de xeito libre, senón que se adopta despois de ter perdido todas as bandeiras este verán polo incumprimento na prestación de moitos dos servizos básicos e obrigatorios”, sinala a portavoz municipal, Ana Ermida.

O preocupante non sería que se renuncie ás bandeiras. O preocupante é a desidia, a falta de interese e de traballo que leva detrás. Se xa nestes anos, tendo que cumprir as esixencias de Bandeira Azul, o estado dos areais e os seus servizos eran absolutamente deficientes; podemos imaxinar como serán agora que evita con esta decisión ter que darlle explicacións a ninguén”.

Un plan integral para o desenvolvemento turístico.

Desde o grupo municipal do BNG defenderán no pleno do vindeiro luns a elaboración “desde xa” dun plan de xestión dos areais que permita a súa posta en valor e coordine os usos dos mesmos para dar cabida a todo tipo de actividades turísticas.

É preciso cambiar completamente a ordenanza que o PP aprobou coa única intención de contentar á ADEAC e que limita o desenvolvemento turístico a un único modelo. Debe facerse un plan turístico integral para aproveitar as praias, pero tamén para pór en valor outras zonas do concello que non están sendo promocionadas. E todo isto debe facerse con calma, con un proxecto claro do que se quere e con participación”, explica a nacionalista. “O desenvolvemento turístico dun concello non pode deixarse á improvisación ou aos caprichos da persoa que lle toque xestionar a área.”

Por iso, desde o BNG piden que se cree unha comisión pública ao efecto con participación de todos os grupos políticos, asociacións, comercio, hostelaría, etc. para empezar desde xa a traballar en que queremos para Barreiros e como podemos facelo de xeito que se aproveiten ao máximo os recursos e as sinerxias existentes.