O BNG INICIA ENCONTROS POR SECTORES PARA RECOLLER PROPOSTAS PARA O CONCELLO  DE BARREIROS

O BNG INICIA ENCONTROS POR SECTORES PARA RECOLLER PROPOSTAS PARA O CONCELLO  DE BARREIROS

As reunións xuntarán a mocidade; ao sector agrogandeiro; ao sector turístico; a  persoas e entidades con interese no deporte, cultura e ocio e aos axentes nos aproveitamentos do monte.

Barreiros, 29 de outubro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros continúa escoitando á veciñanza para recoller as necesidades e as propostas que demanden, neste caso, distintos sectores que teñen presenza no municipio.

A portavoz municipal do BNG e candidata á alcaldía nas vindeiras municipais, Ana Ermida, explica que estes encontros “están pensados para facer un programa electoral realista, partindo da situación existente no concello; pero ambicioso e o máis adaptado posible ás demandas sociais.”

Cara o final do verán, o BNG percorreu as distintas parroquias para pulsar as necesidades territoriais e, nesta ocasión, pretenden facer o mesmo pero por sectores. “É unha experiencia enriquecedora que nos aporta unha visión máis real das necesidades e as demandas da xente. Tamén nos permite explicar de ti a ti a nosa visión sobre a situación municipal e as ideas e propostas nas que traballamos; polo que se produce unha retroalimentación que beneficia ao conxunto das veciñas e veciños.”

Deste xeito, convocan para o vindeiro 1 de novembro, ás 19 horas á mocidade barreirense no centro sociocultural de San Cosme; onde, dun xeito distendido, compartirán as ideas que lles propoñan e tratarán de priorizar actuacións a poñer en marcha desde o Concello.

A seguinte cita será o 5 de novembro, ás 20:30 horas tamén no centro sociocultural, para persoas e entidades que desenvolvan actividade en materia de ocio, deporte ou cultura.

Citarán para o 8 de novembro aos axentes implicados nos distintos usos do monte, desta vez no teleclub de Vilamartín Grande, ás 20:30 horas. O día 13, será a quenda do sector turístico, ás 17 horas no centro sociocultural e finalizarán a rolda o día 16, ás 16 horas no mesmo lugar, co sector agrogandeiro.

Desde o BNG sinalan que os encontros se desenvolverán nun ambiente informal e que están abertos a calquera persoa que poida ter interese nos temas que se tratarán, con independencia de que desenvolva actividade concreta nese ámbito ou non. É por iso polo que convidan a achegarse a participar a toda a poboación, porque “cantas máis persoas participen, máis real será a diagnose que realicemos e máis achegadas ás necesidades veciñais serán as propostas que se poidan facer.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *