O BNG IMPUGNA OS ORZAMENTOS DE BARREIROS POR NON CONTAR CON CARTOS SUFICIENTES PARA OS GASTOS QUE PREVÉN

O BNG IMPUGNA OS ORZAMENTOS DE BARREIROS POR NON CONTAR CON CARTOS SUFICIENTES PARA OS GASTOS QUE PREVÉN

O goberno do PP anuncia obras con cargo ao convenio asinado cos promotores por importe de preto de 800.000 euros, cando nesa conta quedan 166.000 euros.

Barreiros, 15 de febreiro de 2018. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de impugnar os orzamentos aprobados polo Partido Popular para o ano 2018, presentando un escrito de alegacións que debe resolver o pleno municipal no prazo dun mes.

Segundo a formación nacionalista, “os orzamentos son impugnables desde o momento en que existe unha clara insuficiencia dos gastos previstos para atender ás necesidades para as que se prevén; que é unha das causas establecidas pola lexislación”.

“A importante redución que supón en numerosas partidas o recoñecemento extraxudicial de crédito que se aprobou no mesmo pleno ca os orzamentos e as partidas que o Alcalde na memoria dispón que son para gastos do 2017 e que supoñen deixar os orzamentos con 512.000 euros menos; fai que na realidade en todas esas partidas a consignación real sexa en moitos casos inferior en máis da metade á do ano pasado, cando xa foi insuficiente e por iso quedaron esas facturas sen pagar”, explica Ana Ermida.

Pero ademais, a portavoz municipal do BNG asegura que “hai unha previsión de ingresos e de gastos que lonxe de ser reais, mostran como se están falseando os orzamentos, mentindo descaradamente e tratando de enganar a respecto dos investimentos que se anuncian.”

Refírense ás obras de mellora da rede de abastecemento de auga municipal, en concreto a depuradora de Celeiro de Mariñaos que o Alcalde anunciou por un importe de preto dun millón de euros e que na memoria da Alcaldía presentada se especifica que se financiará cos aos avais depositados polos promotores con cargo ao convenio asinado no 2006. “O primeiro engano é que o Alcalde fala dun millón de euros, cando nos orzamentos se prevén 790.143,51 euros”, aseguran. “Pero o segundo engano, e máis grave, é que mentres nos orzamentos aparecen eses preto de 800.000 euros (que deberían estar depositados na conta restrinxida que o Concello ten aberta nun banco), na conta bancaria na que deberían estar eses cartos, a data 31 de decembro do 2017, polo tanto xusto antes de empezar o ano 2018, quedaban 166.579,60 euros”, expón Ana Ermida.

“Non sabemos a quen pretende enganar. Como ten pensado pagar esa obra, se a vai facer ou vai ser outra obra máis desas inacabadas que salpican a xeografía municipal, neste caso, enterrando cartos públicos”, preguntan.

“O que está facendo o PP en Barreiros é de xulgado de garda. Dilapida diñeiro público a costa do esforzo que fan as veciñas e veciños que levan anos aguantando subidas de impostos debido á nefasta xestión do goberno municipal e, por riba, téntanos enganar con anuncios baleiros de contido e, neste caso, de cartos”, aseguran.

“Agardemos que no pleno no que se resolvan estas alegacións, o goberno municipal dea algunha explicación, porque as veciñas e veciños estanas pedindo, tal e como puidemos comprobar desde o BNG nas reunións informativas sobre os orzamentos que viñemos realizando polas parroquias”, conclúen desde a formación nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *