O BNG IMPUGNA O ORZAMENTO DE BARREIROS POR NON CONTEMPLAR CRÉDITO SUFICIENTE PARA GARANTIR OS SERVIZOS

O BNG IMPUGNA O ORZAMENTO DE BARREIROS POR NON CONTEMPLAR CRÉDITO SUFICIENTE PARA GARANTIR OS SERVIZOS.

A partida para o subministro de depuradoras contempla 30.000 euros para o 2019. Só as facturas pendentes de 2018 para esa partida suman 35.191,49 euros.

Barreiros, 16 de febreiro de 2019. O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de impugnar o orzamento municipal para o ano 2019 debido á “insuficiencia das partidas para atender aos servizos básicos que debe prestar o Concello”. Desde o BNG explican que “o orzamento aprobado polo goberno do Partido Popular é unha hipoteca para o Concello e para as veciñas e veciños que, a día de hoxe, xa están debendo facturas de servizos fundamentais como o de alumeado público ou o tratamento de residuos.”

As alegacións presentadas polo BNG sinalan o incumprimento do documento orzamentario en varios aspectos, como a falta de negociación colectiva en materia de persoal ou a insuficiencia das partidas para atender as obrigas esixibles á administración local.

A portavoz municipal do BNG explica que “non se trata de cuestións meramente formais, senón que as consecuencias que se desprenden deste xeito de elaborar o documento económico máis importante do noso concello, son terribles para as veciñas e veciños.” Ana Ermida explica que “hai partidas que xa comezan o ano agotadas, como  a destinada aos subministros de depuradoras, na que se orzamentan 30.000 euros e só con facturas pendentes do 2018 que teñen que cargarse contra o crédito deste ano, gastaranse máis de 35.000.”

Para a formación nacionalista o que demostra esta situación é que “o goberno municipal de Barreiros non se molesta o máis mínimo en pensar nas necesidades e na situación do concello, senón que seguen insistindo nun xeito de xestionar os cartos públicos co que están levando a Barreiros á ruína económica.”

A portavoz municipal explica que “Cada ano, os problemas para afrontar facturas prodúcense antes. No 2017, as facturas do alumeado ou do lixo deixaron de pagarse en setembro; mentres que no 2018 xa quedaron sen pagar desde xuño, segundo se deduce da documentación que acompaña ao orzamento e das facturas pendentes, que o PP recoñeceu no último pleno. Coa situación que se produce de novo no orzamento do 2019, este problema no pago das facturas comezará incluso antes de mediados de ano e así cada vez vai aumentando o furado económico do Concello como se fora unha bola de neve.”

Desde o BNG explican que as alegacións presentadas deben ser resoltas en pleno municipal no prazo máximo dun mes e, tendo en conta que mesmo o Tribunal Supremo xa se ten manifestado a respecto da nulidade dos orzamentos que incorren nalgunha das circunstancias nas que está o de Barreiros, debería acordarse a aceptación das alegacións, declarar a nulidade do orzamento e comezar a elaboración dun novo documento orzamentario que cumpra co legalmente establecido.