O BNG ESIXE UN PLENO EXTRAORDINARIO E URXENTE EN BARREIROS PARA SOLUCIONAR A SITUACIÓN DO SERVIZO DE SOCORRISMO

O BNG ESIXE UN PLENO EXTRAORDINARIO E URXENTE EN BARREIROS PARA SOLUCIONAR A SITUACIÓN DO SERVIZO DE SOCORRISMO

O servizo non comezou a funcionar o 1 de xullo pola irresponsabilidade, deixadez e chulería do Alcalde que se negou a reunirse co persoal de socorrismo.

A portavoz nacionalista pídelle a Alfonso Fuente que presente a súa dimisión por ser o Alcalde que está acabando con Barreiros e co seu turismo en beneficio propio.

Barreiros, 2 de xullo de 2017. O grupo municipal do BNG rexistrará mañá unha solicitude de pleno extraordinario e urxente para tratar a situación que se está a producir no servizo de socorrismo en Barreiros.

“O persoal tiña que estar nas praias desde o mediodía de onte, 1 de xullo, pero nin sequera teñen contrato”, explica Ana Ermida.

A portavoz municipal do BNG visitou esta mañá ao persoal de socorrismo que, “nun acto de responsabilidade que este goberno e, nomeadamente, o Alcalde non están demostrando, están a pé de praia no posto de socorrismo por se tivesen que asistir de urxencia a algún percance”, asegura Ana Ermida.

“A información que nós temos e que o Alcalde tamén ten”, explica, “é que a día de onte non había persoal de coordinación e as indicacións que recibiron na reunión no concello foi que se organizaran entre eles para atender as praias. No primeiro día de traballo o Alcalde negouse a aceptar a organización que eles mesmos tiveron que facer e obrigábaos a traballar en condicións que non garantían a súa seguridade nin a dos bañistas. Ademais diso, a día de hoxe, non se lles facilitaron os contratos de traballo para asinar.”

“Todo isto, Alfonso Fuente sábeo. Sábeo e quere ignoralo. E nin sequera tivo a decencia e a valentía de ir falar co persoal, sendo el o seu xefe directo”, indican desde o BNG.

“Está actuando con unha prepotencia e unha chulería que non se pode permitir nun Alcalde. Non é o sheriff, é un mandatario público ao que lle estamos pagando o salario todas as veciñas e os veciños e o único que fai é desprestixiar a Barreiros e desatender os problemas.”

Abandono e falta de responsabilidade.

Para o BNG esta situación só se pode dar por dúas razón: “ou porque non lle importa nada e fai unha deixadez absoluta das súas responsabilidades ou, o que é peor, porque está facendo todo isto intencionadamente e pretende acabar co noso Concello.”

“Desde logo, o mandato de Alfonso Fuente pasará á historia como o peor de Barreiros con un abandono total de todo o concello e como o que acabou con todo o que se conseguira anos atrás”, afirman.

“O turismo de Barreiros está sufrindo a peor xestión da súa historia e non queremos pensar que sexa porque a este Alcalde lle interese máis, por intereses particulares, que o turismo se vaia para outros concellos nos que, ademais, aproveita calquera oportunidade para aparecer na foto”, sinala Ana Ermida. “Que se preocupe menos de ir correndo cando o chama a Xunta para sacar a foto nas Catedrais e que empece a preocuparse das praias do seu concello, que ten abondo con elas.”

Sen persoal, sen material e sen contratos.

“A situación é tan esperpéntica como preocupante. Estamos a falar da seguridade nas praias e de que a día 2 de xullo non hai quen se responsabilice do que está a pasar. Hai unha das zodiacs de socorrismo que leva días nun taller de reparación, non se solicitou ambulancia e no seu sitio teñen unha pickup de Protección Civil que, loxicamente, carece do equipamento necesario e o máis grave, a día de onte, o Alcalde pretendía que o persoal de socorrismo baixase ás praias sen ter os contratos de traballo asinados”, explican desde o BNG. “Isto, ademais dunha absoluta irresponsabilidade, é unha flagrante ilegalidade da que debe responder, exclusivamente, Alfonso Fuente, como xefe de persoal do Concello de Barreiros.”

Alfonso Fuente está destrozando a imaxe de Barreiros.

Desde o BNG son tallantes afirmando que “Alfonso Fuente e o Partido Popular están acabando co bo nome que podía ter Barreiros. Cambiaron e lema do Concello do Ao teu aire por Un mar de praias. “Pois para a súa xestión puideron deixar o anterior, que é o que mellor os define e, desde logo, non se caracterizan pola promoción turística das praias.”

“Comezou desligándose das Bandeiras Azuis porque xeneraban conflito, decía. Pero nós decímoslle que quen xera conflito é el e a súa falta de responsabilidade e a incompetencia á fronte do Concello de Barreiros. Non vale para xestionar o de todas e todos, así que que se dedique a xestionar o seu, que é o que o preocupa e que marche da Alcaldía”, manifesta  Ana Ermida.

“Cando tíñamos Bandeiras Azuis, sendo nós todo o críticos que sempre fomos co galardón, sentía a obriga de ter uns servizos mínimos que, este ano, mentiu dicindo que se manterían e incluso mellorarían. Á vista está que, unha vez que non hai organismo que o obrigue, non se molesta en cubrir os servizos mínimos.”

Apoio ao persoal de socorrismo e prioridade da seguridade.

Desde o BNG barreirense trasladáronlle ao persoal de socorrismo o seu “total apoio para as súas reivindicacións” e aseguran que “o prioritario é a seguridade. A das persoas usuarias dos areais, pero tamén a do persoal de socorrismo; xa que sen esta última non se pode garantir a dos bañistas.”

Igualmente, puxéronse a disposición do persoal para trasladar a problemática e presionar na medida das súas capacidades para solucionar canto antes a situación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *