O BNG DENUNCIA UNHA NOVA PARALIZACIÓN DA OBRA DE ARRANXO DA ESTRADA DE BAIXADA Á PRAIA DE REINANTE

A obra comezou hai seis meses e acumula máis de dous de retraso, razón pola que xa se ten feito unha recollida de sinaturas entre a veciñanza. 

Barreiros, 10 de marzo de 2015. O BNG faise eco do malestar das veciñas e veciños de Reinante, que denuncian que as obras de arranxo de baixada á praia e que dá acceso a gran parte da veciñanza volven a estar paradas, acumulando sucesivos retrasos desde o mes de decembro.

Desde o BNG sinalan que esta é unha mostra de cómo se fan as cousas en Barreiros, con unha total improvisación e sen obxectivos claros. A portavoz municipal, Ana Ermida, informou que “desde o mes de outubro esta obra non está a dar máis ca problemas. Comezaron con ela sen ter claro que ían facer, sen ter falado coa xente á que lle afectaría nas súas propiedades e sen saber sequera os traballos que terían que realizar. A mostra máis palpable da falta de planificación é que, cando xa estaba a obra iniciada, modificouse o proxecto para poder expropiar un terreo afectado.”

“Agora mesmo, hai dúas semanas que a obra está totalmente parada; pero o máis grave é que desde que a finais de xaneiro, cando as veciñas e veciños de Reinante recolleron sinaturas e solicitaron no concello que se retomaran as obras tras estar paradas desde decembro, só se fixeron traballos de xeito esporádico e discontinuo. Non se estivo traballando alí nin unha semana seguida”, explica Ana Ermida.

Para a formación nacionalista, “o Partido Popular -incluída a concelleira de cultura, que é desa parroquia-  o que está facendo é intentando enganar á xente, tomándoa por parva; poñendo as máquinas alí no momento no que se protesta, pero sen intención de finalizala.”

O BNG explica que máis de seis meses para unha obra de soterramento de alumeado e construción de beirarrúas en pouco máis de 300 metros, demostra a pouca capacidade que ten este goberno para xestionar. “As molestias que se están causando para todas as persoas que viven na parroquia e circulan por esa vía son inmensas, pero non só, xa que se trata dunha das baixadas á zona de praia. Despois pretenderán vender os servizos que hai en Barreiros e promocionar turisticamente a zona, pero os feitos son que unha das baixadas cara ás praias, onde hai negocios turísticos, está nunha situación terceiromundista a pouco máis de quince días para semana santa. Esta é a promoción que o goberno municipal fai Barreiros, da súa zona de praias e esa é a imaxe que van levar as persoas que nos visiten”, afirman desde o BNG.