O BNG DE BARREIROS VOTA EN CONTRA DUNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO

O BNG DE BARREIROS VOTA EN CONTRA DUNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO QUE SUPÓN INCREMENTAR O GASTOS EN DEFENSA XURÍDICA DO CONCELLO EN CERCA DO 70%

Nas modificacións tamén se inclúen 26.000€ (case un 450% de incremento) para actividades festivas e 9.000€  máis para pagar as viaxes que se fixeron en campaña electoral.

Barreiros, 31 de xullo de 2015. No pleno celebrado na tarde de onte, o Partido Popular aprobaba, cos votos en contra do BNG, aumentar o gasto de avogado en 27.500€, que se suman aos 40.000 que había orzamentados e suman un total de 67.500€ de gasto para este ano 2015, o que supón cerca do 2% do orzamento do concello.

O grupo municipal do BNG amosou a súa disconformidade con unha modificación de crédito dos orzamentos para este ano, nos que o concello dispón de 300.000€ que non ten que destinar a pagar intereses do crédito a provedores, e que “o goberno municipal destina a tapar furados, en lugar de a novos investimentos cos que beneficiar ás veciñas e veciños”.

A portavoz municipal, Ana Ermida, explica que “o que se fai con este diñeiro co que non se contaba é ir pagando as débedas que se foron adquirindo, en lugar de facer novos investimentos que redundaran nunha mellora do concello.” Como exemplo, sinala “os 27.500€ que se incrementan para facer fronte a unha factura do avogado, ao que anualmente lle pagamos todas e todos, por contrato 18.000€”. Neste 2015 orzamentábanse 40.000€ para estes gastos, que xa era unha cantidade excesiva; pero agora súmase ata os 67.500€, que é unha auténtica barbaridade para un concello na situación de Barreiros.” Tamén destacan os 26.000€ que se destinan a actividades festivas que, segundo informou o alcalde, son para facer fronte a facturas atrasadas por alugueres de carpas. “Ademais de ser unha cantidade absolutamente desproporcionada, supondo un incremento de cerca do 450% con respecto aos 6.000€ orzamentados inicialmente, o feito de que sexan para pagar facturas atrasadas, dá boa mostra da xestión que se está facendo: desde o ano 2012 no que se pediu un crédito para pagar facturas atrasadas por 2,5 millóns de euros, súmase unha débeda, só en carpas, de 26.000€. Pode darnos unha idea dos buratos que hai neste concello, onde a débeda parece que supera, con moito, ese crédito solicitado”, afirman desde o BNG.

Outra das partidas que chama a atención da formación nacionalista son 9.000€ que, camuflados baixo o nome de actividades culturais, o alcalde explicou que eran facturas de viaxes. “Está claro que ese incremento debeuse á mobilización que realizou o PP en plena campaña electoral, realizando viaxes practicamente todas as semanas ás que acudían as persoas integrantes da súa lista, converténdoos en actos partidarios pagados con diñeiro de todas e todos”, asegura Ana Ermida.

Desde o BNG lamentan que eses 300.000€ que quedaron libres neste momento non se destinen a cubrir as necesidades das veciñas e veciños e se destine menos cartos (20.000€) a mantemento das vías públicas que ao gasto en avogado ou en carpas. “Sería fundamental que os incrementos en orzamento foran planificados e cubriran as necesidades do concello, como as estradas do Val do Caínzo ao Morteiro, o camiño da Cabana da Vella ou a ponte de Vilamartín Pequeno cara a Reme. Sen embargo, os incrementos en partidas de arranxo de viais van destinados a cubrir gasto xa realizado, tamén en época electoral, que se improvisou en función dos intereses do PP e non da veciñanza”, afirman desde a formación nacionalista.

O teleclub do Val do Caínzo, sen previsión de arranxo.

Ante a pregunta da portavoz municipal do BNG sobre a situación na que se atopa o teleclub do Val do Caínzo, que sufriu o impacto dun depósito de auga que rodou desde O Morteiro no mes de maio, o alcalde afirmou que non tiñan feito avances para a súa reparación. Chegou a asegurar que non existía perigo de derrubamento e que analizarían como arranxalo, pero non especificou data, nin os medios cos que se contaría.

Tampouco avanzaron a respecto da posible negociación coa compañía aseguradora do depósito, que anunciara nunha reunión coas veciñas e veciños que se fixera naquel momento, “por estar en plena campaña das municipais”, aseguran desde o BNG; e sobre o que non se volveu a traballar para darlle solución ao problema.

Desde as filas nacionalistas, urxiron ao goberno municipal a arranxar este local público para dar servizo ás veciñas e veciños e que está nesta situación “como consecuencia da deixadez e a improvisación do goberno municipal”.