O BNG DE BARREIROS PRESENTA O SEU “PROGRAMA DE GOBERNO” ÁS ASOCIACIÓNS DO CONCELLO

O BNG DE BARREIROS PRESENTA O SEU “PROGRAMA DE GOBERNO” ÁS ASOCIACIÓNS DO CONCELLO

A cabeza de lista do Bloque, Ana Ermida, propón que as asociacións e os cidadáns poidan intervir nos Plenos municipais para que “os veciños e veciñas teñan voz e voto todos os días e non só cada catro anos”reunion asociacións Barreiros1

A candidata nacionalista reprocha a Fuente Parga “que non se atreva a debater co Bloque”

Barreiros, 16 de maio de 2015.-  O BNG de Barreiros presentou onte pola noite o seu “Programa de Goberno” ás asociacións do concello, despois de que o candidato do PP, Alfonso Fuente Parga, se negara a celebrar un debate público, solicitado por 23 asociacións do concello. A candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, expuxo as principais medidas que propón o BNG para “facer de Barreiros un Concello onde haxa verdadeira democracia, transparencia absoluta e participación real dos veciños e veciñas nas decisións do Concello”.

Ao acto celebrado no centro social Manuel Díaz Sampedro de San Cosme asistiron representantes do tecido asociativo barreirense, desde asociacións de veciños das distintas parroquias, asociacións culturais e deportivas, clubes de fútbol e as asociacións de pais e nais de alumnos dos dous colexios do municipio. Ante eles Ana Ermida defendeu que “Barreiros ten que ter democracia e a xente ten que poder falar” e para iso propuxo que “os plenos municipais teñen que valer para que a xente leve os seus problemas e propostas”. “Elaboraremos un regulamento de participación cidadá para que non só as concelleiras e concelleiros poidan falar nos plenos, senón tamén as asociacións e a veciñanza, para que así as veciñas e veciños teñan voz e voto cada día e non cada catro anos”.

A cabeza de lista do Bloque defendeu tamén que ten que haber “total transparencia” nas contas do Concello. “As veciñas e veciños teñen que saber cantos cartos ten o Concello e decidir onde se van gastar, nós faremos orzamentos participativos e os asuntos e as contas do Concello faranse públicas a través da súa publicación na páxina web municipal, para que todos os veciños e veciñas de Barreiros saiban a que se dedican os seus impostos”, comprometeuse.

“Un concello vivo”

O BNG defende que “Barreiros ten que ser un concello vivo” para o que se ofrece a “colaborar con todas as asociacións que hai no municipio, que son moitas, e que fan en moitos casos o traballo que o Concello non fai por desidia e falta de interese”. Para iso, se o BNG consegue a alcaldía o vindeiro domingo, “as actuacións culturais, deportivas, sociais ou de outro ámbito que se leven a cabo desde o Concello faranse de xeito coordinado e en colaboración coas asociacións ou organizacións existentes”, avanza Ana Ermida. Con ese obxectivo, o Bloque creará Consellos Municipais sectoriais para cada ámbito e Consellos Parroquiais “para escoitar aos veciños e ás asociacións e que sexan parte do Goberno municipal”. O Bloque tamén se compromete a “garantir a igualdade de trato entre as distintas asociacións” e crear unha liña de axudas “podendo acceder ás mesmas en base a criterios públicos, obxectivos e iguais para todas elas”.

Darlle uso aos locais sociais que hai nas parroquias

Dentro do obxectivo de dinamizar as distintas parroquias, o BNG quere aproveitar as antigas escolas, teleclubs e locais sociais das parroquias para convertelos en “espazos polivalentes e con actividade continua” para a creación cultural e artística (locais de ensaio para grupos de música, espazos para intercambio de traballo creativo, salas de exposicións, etc.), espazos habilitados para uso lúdico e formativo (obradoiros de carpintería, automoción, novas tecnoloxías, clases de música, etc.) para que as mozas e mozos poidan ocupar o seu tempo de lecer con alternativas saudables e de proveito, e como espazos para esparcimento e saúde das persoas maiores: achegar servizos como podoloxía, fisioterapia, etc. ao tempo que se impartan actividades  destinadas a ese público.

habilitación dun edificio público para ser usado por persoas autónomas que precisen dunha oficina ou despacho de atención ao público, de xeito que supoña axuda ao emprendemento laboral e abaratamento dos costes de traballar por conta propia.reunion asociacións Barreiros2

“Alfonso Fuente non se atreve a debater co Bloque”

A candidata á alcaldía do BNG loubou a iniciativa asinada por 23 asociacións de Barreiros para que se celebrara un debate público entre as distintas formacións políticas que se presentan á alcaldía e criticou a “cobardía política” do candidato do PP, Alfonso Fuente, “que se negou a vir ao debate porque non se atreve a debater co Bloque”. Ana Ermida dixo que “con esta actitude antidemocrática Alfonso Fuente deixou patente o seu concepto de transparencia e participación e o seu desprezo polo traballo das asociacións”. “O alcalde non dá a cara, o Bloque si”, concluíu a cabeza de lista do BNG.