O BNG DE BARREIROS PIDE QUE AS MODIFICACIÓNS DO IBI SEXAN TAMÉN NO TIPO IMPOSITIVO

O BNG DE BARREIROS PIDE QUE AS MODIFICACIÓNS DO IBI SEXAN TAMÉN NO TIPO IMPOSITIVO E NOS VALORES QUE SE LLES APLICAN AOS INMOBLES PARA DIMINUIR OS PREXUÍZOS QUE OCASIONAN OS ACTUAIS .

“Non hai debate posible no seguinte pleno, porque a modificación da ordenanza para rebaixar o IBI xa foi aprobada por unanimidade a instancias do BNG en setembro de 2015. O único que están facendo é cumprir un acordo oito meses despois de tomado”, afima a portavoz municipal Ana Ermida.

Os nacionalistan rexistraron unha moción reiterando a súa solicitude de rebaixa do tipo impositivo e unha revisión dos valores á baixa que non perxudique ás familias en transmisións, axudas, etc. por contar cun valor patrimonial irreal.

Barreiros, 4 de maio de 2016. O BNG de Barreiros continúa propoñendo medidas para tratar de rebaixar os prexuízos que as continuas modificacións do IBI impostas polo Partido Popular, ben desde o goberno do estado ou desde o propio concello, están tendo nas veciñas e veciños de Barreiros.

Neste sentido, veñen de rexistrar unha moción na que reiteran a solicitude que xa fixeron no pleno de marzo para que o goberno municipal se dirixa ao goberno do Estado pedindo unha nova valoración dos inmobles á baixa, tendo en conta a actual situación económica, o uso e a ubicación dos mesmos.

Desde o BNG valoran positivamente o anuncio feito nesta mesma semana polo alcalde de Barreiros de aplicación de bonificacións ás explotacións agrarias xa que foi unha proposta que fixo o BNG. Recordan que “foi un acordo que se tomou no pleno de setembro de 2015 despois do debate dunha moción do BNG na que se pedía que se rebaixara o tipo impositivo que se aplica en Barreiros  (que é o máis alto da provincia) e que se estableceran as bonificacións que foran posibles para diminuir a carga impositiva.” Por iso “non hai debate posible no seguinte pleno, tal e como pretende trasladar o alcalde nas súas declaracións”, afirma Ana Ermida. “O debate xa se deu, e foi porque o pediu o BNG, hai oito meses. O único que está facendo agora é cumprindo, parcialmente, ese acordo que se adoptara por unanimidade.”

A iniciativa que presenta agora a formación nacionalista pide, en primeiro lugar, o cumprimento íntegro do acordo de setembro. “Non só a aplicación de bonificacións. Senón, tamén que se rebaixe o tipo impositivo que aplica o concello -que é do 0,88%- e que lle afecta a todas as veciñas e veciños, con independencia de se teñen explotacións agrarias ou non.”

“Desde logo que é fundamental tomar medidas de axuda ás explotacións agrarias pola súa relevancia na economía municipal e pola dificil situación que atravesan, pero as consecuencias das decisións do goberno do PP (que pasou dun 0,6% ao 0,88% en 2012) perxudican a todas as veciñas e veciños e, neste sentido, deben adoptarse medidas que poidan beneficiar tamén a toda a poboación”, explican desde o BNG.

O BNG pide que, oito meses despois, o acordo que se tomou se cumpra na súa totalidade e que a revisión da ordenanza que se propón se faga dacordo con todos os grupos municipais e se aproveite tamén para rebaixar o tipo impositivo que marca o concello, beneficiando así a todas as veciñas e veciños.

Solicitude dunha nova valoración catastral.

Xa no último pleno celebrado o BNG pediulle ao goberno municipal que se dirixa ao goberno do Estado para que leve a cabo unha nova valoración catastral á baixa na que os valores se adapten á actual situación económica e na que se teñan en conta tanto o uso dos inmobles como a súa ubicación.

A portavoz municipal explica que “esta é unha medida que afecta a toda a poboación, pero especialmente ás construccións do rural e explotacións agrarias, xa que é onde máis inmobles existen (palleiras, almacéns, pendellos…) que foron valorados moi por riba do valor real.”

“Se as bonificacións e a rebaixa do tipo impositivo son importantes para tentar minorar o prexuízo no recibo do IBI, o feito de rebaixar o valor que se lle outorga aos inmobles é fundamental para evitar outras consecuencias que tamén están a soportar as familias barreirenses ao aparecerlles uns valores patrimoniais que nada teñen que ver cos reais”, explica Ana Ermida.

A nacionalista pon como exemplo “os impostos que deben pagar en caso de transmisións, tanto vendas como herdanzas, que se aplican sobre os valores patrimoniais ou os problemas para optar a bolsas de estudos dos fillos, ao computarse un valor patrimonial altísimo como consecuencia dos valores outorgados e que nada teñen que ver coa realidade.”