O BNG de Barreiros ofrece ao PSOE entrar no goberno

O BNG de Barreiros ofrece ao PSOE entrar no goberno

12-06-19

Barreiros 12-6-19. O BNG é consciente de que a veciñanza de Barreiros o pasado 26 de maio falou con claridade para derrotar o goberno do Partido Popular. A nosa organización é portadora da confianza da maioría de veciñas e veciños para levar adiante un goberno municipal que cambie radicalmente o funcionamento e a xestión municipal.
Conscientes da responsabilidade que nos outorgaron o pasado 26 de maio, consideramos que é labor das representantes públicas que se presentaron como alternativa ao PP, colaborar para que se cumpra a vontade veciñal.
Temos por diante a oportunidade histórica de desterrar de Barreiros o caciquismo e o amiguismo instalado neste concello a costa de empeñar á veciñanza. A oportunidade de acabar coas políticas dos intereses particulares pasando por riba do ben común. Desaproveitar tal oportunidade sería deixar tiradas a todas as persoas que o pasado 26 de maio perderon o medo a loitar pola liberdade e a democracia en Barreiros. É tempo de facer do noso un concello aberto, no que o goberno sexa da xente e para a xente. É tempo de abrirlle as portas a un concello democrático e participativo e de pecharllas ás malas prácticas, ao medo e ás presións.
Non se entendería unha posición enquistada que impedira que o sábado 15 de xuño se dea cumprimento ao desexo maioritario do pobo de Barreiros; polo que o BNG quere amosar xenerosidade en beneficio do conxunto de Barreiros e poñendo por diante de intereses persoais ou partidistas a vontade popular.
Partindo destas premisas, atendendo ao mandato popular e á vista das posicións iniciais manifestadas polo PSOE no encontro mantido con anterioridade, desde o BNG camiñamos na vía do encontro e o entendemento co obxectivo claro e diáfano: apartar ao Partido Popular e a súa xestión da vida diaria do Concello de Barreiros. Por iso, chegamos ao segundo encontro tendo reconsiderado a posición de inicio e amosando altura de miras e responsabilidade para conquerir o obxectivo final desexado pola maioría das veciñas e veciños.
Nese sentido, trasladámoslle ao Partido Socialista a posibilidade de formar parte do goberno municipal, integrándose no mesmo como responsable da concellería de asuntos sociais e formando parte da xunta de goberno local, podendo ostentar a segunda tenencia de alcaldía.
Consideramos que a oferta é xenerosa e adecuada á representatividade obtida por cada unha das formacións; ademais de responsable á vista da situación económica existente no Concello de Barreiros.