O BNG de Barreiros non asiste ó izado de bandeiras azuis

O BNG de Barreiros non asiste ó izado de bandeiras azuis por considerar que “non existe promoción turística do concelo

Barreiros, 5 de xullo de 2015.- O BNG de Barreiros non acudiu este domingo ao acto de izado de bandeiras azuis ao consideralo “outro episodio máis da improvisación e a falla de planificación da inexistente política turística do goberno municipal”.

Desde a formación nacionalista aseguran que é “preciso e urxente que se elabore un plan turístico no que se contemplen todas as actuacións necesarias para unha promoción conxunta do concello, poñendo en valor a totalidade dos recursos que hai en Barreiros”.

“Non é só facer o mínimo para repetir número de bandeiras azuis ano tras ano (que é o que fai este goberno municipal) senón que é preciso atender todas as praias e tamén o resto do concello, tanto na costa como na zona interior, onde tamén hai recursos que poden ter desenvolvemento turístico”, afirma a portavoz municipal Ana Ermida.

Desde o BNG aseguran que cada ano o traballo de preparación das praias faise máis tarde e peor. “Esta mesma semana, durante as tardes, estivéronse realizando labores de adecuación das praias, coa xente disfrutando delas e maquinaria pesada nos areais e os salvavidas e contenedores do lixo aínda non estaban colocados”, afirman. “Isto é mostra da deixadez e falla de interese que ten este goberno municipal, incapaz de planificar e ter as praias a punto cando empeza a temporada de verán”, declara Ana Ermida.

Lamentan desde o BNG que o Alcalde, Alfonso Fuente, “non teña memoria e non sexa tan incisivo e eficiente como esixía cando exercía de concelleiro de turismo, atacando ao seu propio goberno polo estado das praias; aínda sen estar no estado no que se atopan neste momento”.

Neste sentido, a formación nacionalista recorda que “a praia de Arealonga, en Reinante, perdeu o galardón xa en anos pasados, como consecuencia duns vertidos que seguen sen solucionarse e, a día de hoxe, o estado do areal é de absoluto abandono por parte do goberno municipal, incapaz de adoptar unha solución definitiva para a problemática da praia”.

Un plan turístico municipal para atender e promocionar os recursos propios, sen necesidade de buscalos noutros lugares
Desde o BNG instan ao goberno municipal a elaborar un plan turístico no que se lle dea participación ao sector e á veciñanza e no que se promocione a totalidade do concello: desde as praias á zona interior, pasando por espazos naturais de tanto valor como o Santo Estevo do Ermo ou o Río Masma. O BNG lembra que desde o grupo municipal nacionalista se teñen presentado iniciativas, que foron aprobadas en pleno, para poñer en valor o Santo Estevo ou promocionar os baños de setembro como medida de desestacionalización parcial do turismo e que sempre “quedan nun caixón”.

“Desde o goberno municipal non se ten feito nada en materia turística e de promoción. É máis, amortizouse a praza que existía para atender a este ámbito. Hai moito traballo por facer en materia turística en Barreiros, está todo por facer e non é preciso ir buscar recursos a outros lados para promocionarse, senón que hai que atender ao propio e, desde que haxa unha planificación municipal, poderemos aproveitarnos de outros recursos de toda a comarca”, afirman.

Desde o BNG pídenlle ao rexedor municipal “que planifique, que traballe e que se deixe de buscar protagonismos onde non procede e loite por ter un concello ao que a xente veña polo que atope nel, non por atoparse de paso para outros lugares”.