O BNG DE BARREIROS CONVOCA ÁS VECIÑAS E VECIÑOS A UNHA REUNIÓN PARA PREPARAR OS TEMAS A TRATAR NO PLENO DESTE MES

O BNG DE BARREIROS CONVOCA ÁS VECIÑAS E VECIÑOS A UNHA REUNIÓN PARA PREPARAR OS TEMAS A TRATAR NO PLENO DESTE MES.

O grupo municipal nacionalista levará unha moción sobre a situación do sector lácteo e outra para solicitar que a veciñanza poida participar nos plenos.

Barreiros, 22 de xullo de 2015. O Bloque Nacionalista Galego ten convocada para hoxe mércores, unha reunión veciñal no Teleclub da Rilleira. Será ás 21:30 e pretenden que sexa a primeira das reunións ás que convocarán a veciñas e veciños cada vez que haxa pleno municipal. “Trátase de achegar a vida municipal á xente, de informar dos asuntos que se tratarán no pleno e tamén de recoller as necesidades que as veciñas e veciños consideren que se deben tratar alí”, explica a portavoz municipal Ana Ermida. Nestas reunións, ás que se convoca a todas as veciñas e veciños do concello e que irán realizándose nas distintas parroquias ao longo do ano antes de cada pleno, o BNG explicará as mocións ou iniciativas que levará ao pleno municipal e recollerá tamén as aportacións que as veciñas e veciños fagan para trasladalas á cámara municipal.

“É un xeito de darlle participación o máis directa posible á xente, mentres non sexa posible que poida tomar parte nos plenos”, explica. Precisamente, o BNG rexistrou unha moción para que se inclúa no debate do vindeiro pleno sobre a elaboración dun regulamento de participación veciñal. “Trátase dunha obriga dos concellos, regular a participación directa das veciñas e dos veciños nos plenos. Que poidan falar, que o pleno serva para escoitar as demandas da xente e tratar de resolver os problemas desde o concello, a institución máis próxima ás persoas”, é o que pretenden desde o grupo municipal do BNG.

A formación nacionalista insta ao concello barreirense a elaborar un regulamento de participación veciñal neste mesmo ano para garantir que entidades, asociacións e colectivos poidan ter participación nos plenos en asuntos de interese para as mesmas; pero tamén que as veciñas e veciños individualmente poidan solicitar participar nas sesións plenarias. “Trátase de democratizar un mínimo este concello: que as veciñas e veciños vexan que os plenos municipais son públicos e poden ser utilizados para trasladar os problemas da xente. De actuar con transparencia e con valentía, afrontando as problemáticas que poidan existir de xeito responsable”, aseguran .

A situación do sector lácteo tamén se tratará no pleno barreirense.

Ademais da moción de participación veciñal, o BNG ten rexistrada unha moción sobre a situación que está a atravesar o sector lácteo que, en Barreiros, pasou de rexistrar preto dun cento de explotacións con cota hai dez anos a 53 a primeiros da tempada do 2014, “que seguramente neste momento xa sexan menos”, asegura Ana Ermida.

“Cremos que o pleno dun concello tamén ten que valer para isto: para sacar posicionamentos públicos de apoio a un sector tan importante no noso concello como é o sector lácteo e facer toda a presión posible para que os gobernos galego e estatal, que son quen teñen competencias para poder actuar, tomen en serio o problema e se poñan a traballar para solucionalo e non se dediquen a minimizar a situación e faltarlle así ao respecto ás gandeiras e gandeiros deste país, que están a pasar por unha situación dramática”, afirman desde o BNG.

Desde o BNG piden que se traslade aos gobernos galego e estatal que se poñan en marcha os mecanismos precisos para garantir un prezo xusto polo leite en orixe, que garantan a recollida do leite e que se sancione aquelas grandes áreas de distribución que utilicen o leite como reclamo vendéndoo por debaixo do custe do mesmo.