O BNG DE BARREIROS CONSTATA A PREOCUPACIÓN DA VECIÑANZA POLO ESTADO DAS VÍAS MUNICIPAIS

IMG_4549A ponte entre Vilamartín Pequeno e Remourelle está a piques de caer, supondo un perigo evidente e carece de calquera tipo de sinalización.

“As estradas e camiños municipais están en peor situación que hai vinte anos”, aseguran desde o BNG

Barreiros, 7 de febreiro de 2015.  O BNG de Barreiros comezou nesta semana unha rolda de reunións polas parroquias do interior do concello para recoller queixas e propostas das veciñas e veciños, ao entender que “a zona interior está aínda máis desatendida ca o resto do concello.” Así o sente tamén a propia veciñanza das parroquias, que lamentan a pouca atención que presta o goberno do Partido Popular a esta zona do concello.

Nas reunións desta semana, coa veciñanza de Cabarcos, Vilamartín Grande e Vilamartín Pequeno, a formación nacionalista expuxo a situación municipal e recolleu as principais demandas e preocupacións da xente. Segundo puideron comprobar, “unha das maiores preocupacións das veciñas e veciños é o estado das vías municipais, xa que o seu deterioro é tan avanzado que supoñen un auténtico perigo para as persoas que transitan por elas”, sinala Ana Ermida. “As veciñas e veciños téñeno claro: cada vez que se fala dos camiños e estradas do concello a súa afirmación é sempre a mesma: están peor ca nunca. Estaban mellor hai vinte anos ca agora.”

Como exemplo, sinalan unha das preocupacións que recolleron nestas xuntanzas: a situación da ponte que hai entre Vilamartín Pequeno e Remourelle. “O estado desta infraestrutura é dun deterioro avanzado, supoñendo un perigo evidente para as persoas que o usan; xa que de non arranxarse con urxencia, é probable que acabe cedendo e derrubándose,” advirten desde o BNG. Sobre este asunto, a formación nacionalista solicitará no concello que se arranxe con urxencia e que, de xeito inmediato, se proceda a sinalar o perigo e, de ser preciso, impedir o paso por ese lugar; “xa que, do contrario, estaríase a actuar dun xeito absolutamente imprudente e que pode ter tráxicas consecuencias”, advirte a portavoz municipal.

Ademais da situación das vías, en parroquias coma Cabarcos poden observarse importantes deficiencias no alumeado público, existindo numerosas vivendas que non teñen garantido o mesmo.

O saneamento dos núcleos, que xa foi solicitado en numerosas ocasións polo BNG sendo sempre negado polo Partido Popular,  é outra das preocupacións veciñais; que lamentan que “pagando os mesmos impostos e taxas ca o resto de veciñas e veciños, temos moitos menos servizos ca noutros lugares.”

Desde o BNG valoran moi positivamente as reunións mantidas, xa que permiten coñecer as preocupacións veciñais de primeira man, para poder realizar propostas de maior interese para as veciñas e veciños. Na vindeira semana, terán lugar reunións no local social de San Xusto, o martes 10, e nas escolas de  Vilamar, o xoves 12. Todas elas serán ás 9 da noite.