O BNG CONSTATA O MALESTAR TAMÉN DOS RESIDENTES TURÍSTICOS EN BARREIROS

 O BNG CONSTATA O MALESTAR TAMÉN DOS RESIDENTES TURÍSTICOS EN BARREIROS

A formación nacionalista presentará un escrito coas principais demandas relativas á zona turística e aos servizos municipais promovido polos residentes costeiros do municipio, que poderán recoller copias para asinar o xoves ás 13 horas na pista do San Bartolo.

 

Barreiros, 23 de agosto de 2018. O BNG celebrou na noitiña do martes unha asemblea na pista do San Bartolo con unha importante afluencia, principalmente, de persoas que teñen a súa segunda residencia en Barreiros; aínda que tamén asistiron residentes habituais na zona costeira.

Na asemblea constatouse que “existe un malestar xeralizado pola situación que está a producirse en Barreiros, con unha constante degradación e unha falta de atención e de investimentos que non garanten servizos mínimos nin unha calidade de vida acorde cos impostos que se pagan”, explicou a portavoz municipal, Ana Ermida.

Segundo explican desde o BNG “o que se pode observar é que neste momento nin sequera existe no goberno municipal esa preocupación que houbo nalgún tempo de ser referente turístico. E a realidade é que xa nin a zona de praia está ben atendida. O que está pasando coa situación dos paseos marítimos, das praias ou coa perda das Bandeiras Azuis é unha mostra de que se deixou de traballar ata nese fomento turístico no que ata hai uns anos se apostaba todo.”

O BNG tamén dá voz aos visitantes de Barreiros.

Unha das conclusións que se acadaron na reunión foi a elaboración dun escrito no que se plasmen as principais queixas e demandas da veciñanza para presentalo, en colaboración co BNG, no Concello de Barreiros e forza explicacións e unha contestación ao respecto por parte do goberno municipal. Neste sentido, hoxe mesmo, xoves 23 ás 13 horas, no campo da festa do San Bartolo, poderán recollerse copias do escrito para que sexa asinado por aquelas persoas que o desexen e rexistralo formalmente na vindeira semana.

O BNG explica que “como exercicio da representación veciñal que ostentamos na corporación, entendemos que forma parte da mesma dar sustento ás reclamacións, queixas e propostas que poidan realizar as persoas que viven en Barreiros e mesmo, tendo en conta a composición social deste concello, as daquelas que se teñen convertido en “moradoras temporais ou secundarias“, contribuíndo en certo xeito ás arcas públicas municipais.”

Desde o BNG concordan en “que ao longo destes anos estase a comprobar unha continua degradación na calidade de vida das persoas que moran en Barreiros, permanente ou temporalmente, que é socialmente recoñecida e que se nos ten trasladado, especialmente nos últimos meses, en numerosas ocasións. Tras ter organizado asembleas en todas as parroquias e en lugares de poboación con entidade suficiente, puidemos constatar o malestar xeral pola falta de atención, de investimentos e a carencia nos servizos que se prestan desde o concello.”

Por iso, explica Ana Ermida, “como grupo municipal subscribimos e trasladamos o noso apoio ás reivindicacións e demandas realizadas pola veciñanza no que respecta á falta de atención, investimentos, iniciativas e as carencias nas prestacións dos servizos municipais; polo que queremos actuar como canle para a presentación e o seu oportuno tratamento, do escrito que asinen as veciñas e veciños de Barreiros.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *