O BNG acusa a Alfonso Fuente de “xogar coas necesidades da xente”

O BNG acusa a Alfonso Fuente de “xogar coas necesidades da xente” e “traficar con postos de traballo do Concello”

Barreiros, 11 de maio de 2015

A candidata do BNG á alcaldía de Barreiros, Ana Ermida, acusa ao candidato do PP, Alfonso Fuente, de “non ter escrúpulos á hora de xogar coas necesidades da xente” por “andar prometendo postos de traballo a persoas que están no paro e necesitadas de ingresos”.

“Queremos avisar aos veciños e veciñas de Barreiros de que o alcalde anda estes días prometendo postos de traballo a todo o mundo, pero engana a esas persoas as que llo promete, porque o mesmo posto de traballo estallo prometendo a 20 persoas diferentes, así que estamos diante dunha auténtica estafa política”, denuncia a candidata do Bloque.

Ana Ermida pide a estas persoas “que non se deixen enganar” porque “o Concello de Barreiros debe máis de 3 millóns de euros e viuse obrigado a recurir a un Plan Financieiro, polo que non está en condicións de andar contratando a todas as persoas ás que llelo está prometendo o alcalde estes días. Estaos enganando”, afirma.

A candidata do Bloque achaca este comportamento “desesperado” de Alfonso Fuente “ao seu nerviosismo”. “Non lle dan as contas e anda desesperado en busca de votos estes días, sen importarlle enganar á xente”, afirma Ana Ermida, que acusa ao candidato do PP de “traficar cos postos de traballo do Concello”.

“Agora anuncia unha empresa vasca para o polígono, hai catro anos anunciou unha sueca”
Ana Ermida, que esta tarde estará xunto a outros membros da súa candidatura na parroquia de San Miguel de Reinante e ás 9 da noite reuniráse cos veciños e veciñas de Vilamar na escola da parroquia, acusa a Fuente Parga de “vender fume” co anuncio de que unha empresa vasca está interesada en instalarse no polígono industrial de Barreiros. “Hai catro anos anunciou que ía vir unha empresa sueca e ía crear centos de postos de traballo”, lembra a candidata do Bloque.

Ana Ermida di que “hai máis de 10 anos que se fixo o polígono e a día de hoxe a maioría das parcelas están baleiras e o Concello non ten nin Plan de Dinamización para o polígono nin Plan de Desenvolvemento Local”, polo que a candidata do BNG afirma que “Alfonso Fuente non ten moito de que presumir neste aspecto”.

A cabeza de lista do Bloque acusa ao actual alcalde de “preocuparse moito máis nos últimos anos por que se construíran bloques de apartamentos que de que se asentaran empresas que deran traballo á xente de Barreiros”