O ALCALDE DEFENDE O DISTINTIVO BANDEIRA AZUL DE AEDAC E ACATA A DECISIÓN DESTA ÚLTIMA DE RETIRAR OS GALARDÓNS AOS AREAIS DE COTO E DE ALTAR

O ALCALDE DEFENDE O DISTINTIVO BANDEIRA AZUL DE AEDAC E ACATA A DECISIÓN DESTA ÚLTIMA DE RETIRAR OS GALARDÓNS AOS AREAIS DE COTO E DE ALTAR.  FUENTE PARGA SUBLIÑA QUE A CALIDADE DA AUGA NAS PRAIAS DO MUNICIPIO É EXCELENTE E QUE ESTAS CONTAN COS SERVIZOS NECESARIOS.

http://www.crtvg.es/informativos/practicar-kitesurf-e-banarse-na-praia-barreirense-de-altar-son-compatibles-1379882

Barreiros, 18 de agosto de 2015. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, defendeu esta mañá o programa Bandeira Azul de Adeac, que vén de retirar os dous galardóns que tiñan as praias de Altar e Coto. O rexedor asegura que a perda dos distintivos non afecta á calidade dos areais, dos que salientou a excelente calidade da auga e dos servizos que ofrecen. Parga tamén defendeu a práctica ordenada de deportes acuáticos nas praias e a súa convivencia cos bañistas, motivo polo que Adeac retirou a distinción de Altar ante a queixa destes últimos.

No caso da praia de Coto, Fuente Parga achaca a perda da bandeira ao peche do posto de primeiros auxilios  nos inicios do verán: “cando houbo a inspección de Bandeiras Azuis no mes de xullo o posto de primeiros auxilios estaba pechado. Supoño que a perda da bandeira se debe a iso. O día 5 de agosto abriuse ese posto, hai o servizo de ambulancia, xente para conducir a ambulancia, persoal para atender os primeiros auxilios e dar cabida ao desfibrilador e prestar axuda en calquera das praias no mínimo tempo posible. Está funcionando no mes de agosto e púxose cando se puido. Cando puidemos fixemos o esforzo para que  estivera en marcha e comezou o 5 de agosto. Está funcionando”.

O alcalde barreirense dixo que “Bandeira Azul considera que o posto de primeiros auxilios debería estar dende os principios do verán, eu tamén o considero. Debería estar dende o principio do verán. Isto supuxo baixar a bandeira azul da praia de Coto e báixase, non pasa nada. Non diminúe os usuarios da praia de Coto, que teñen a calidade de auga excelente, socorristas,  e o resto de servizos que ten que ter a praia. De feito cada día están máis ateigadas de xente e cada vez que sae o sol énchense. Tamén nos temos que preocupar nós dos aparcamentos”.

Alfonso Fuente asegura que malia  a perda do distintivo, o apoio do Concello ao programa da Adeac é total e que a Corporación fai o posible por mellorar ano tras ano os servizos prestados: “Bandeira Azul díxonos que tiña que haber aparcabicis e hai aparcabicis este ano. Imos mellorando dentro das nosas posibilidades e non hai ningún problema. Insisto, que ninguén vexa ningún problema con Bandeira Azul. Ao contrario, defendemos o programa, téñoo falado con José Palacios, vicepresidente de Adeac, e non hai ningún problema. Así como nun momento dado tivemos oito bandeiras, hoxe quédannos catro izadas e dúas que non se poden izar, e se mañá Bandeira Azul nos manda baixar as catro que nos quedan, baixámolas sen ningún problema. É o criterio de Bandeira Azul, indiscutible. Dentro da administración local diriximos nós, dentro do programa Bandeira Azul, dirixe Bandeira Azul. Non hai ningún problema”.

Sobre o acontecido en Altar Fuente Parga dixo que “Adeac comunicou a súa decisión ao Concello hai máis dunha semana. É un tema que xa falei cos responsable de Adeac no seu momento. Sabemos que están proliferando as actividades deportivas na nosa costa, hai moitas escolas de surf, hai unha escola de kitesurf, están vindo doutros concellos a practicar estes deportes e somos un municipio con 8 quilómetros de praias. E temos que dar cabida na praia tanto a estas actividades deportivas acuáticas, que son actividades de auga, en costa, e hai que facelas é así. O que facemos é intentar compaxinar todas as actividades que se realizan dentro da praia cun orde. Neste caso é certo que hai queixas de bañistas na praia de Altar. Evidentemente tamén podería haber queixas dos que practican surf de querer ter toda a praia para eles. A nosa obriga é compaxinar as dúas posibilidades. A praia non é so para os bañistas. É preferente para os bañistas e hai que preservar a súa seguridade, pero tamén hai que dar cancha a outras actividades como o surf ou o kitesurf, e se houbera vela, outras actividades que fose necesario realizar na costa, na auga, pois tamén”.

O alcalde de Barreiros insistiu en que “non hai ningunha discusión con Adeac, defendemos o programa Bandeira Azul dende o primeiro momento, e imos seguir defendéndoo, pero temos que compaxinar as actividades que hai na praia. Compétenos a nós, e se dar cabida ao surf e a kitesurf, que é o que está proliferando e as escolas cada vez teñen máis nenos que veñen practicar eses deportes a estas praias,  non imos excluílos das praias, senón que imos ordenar e facer que todos teñan cabida, tendo en conta que temos moito espazo de areais. Se un bañista se empeña en ir bañarse  a unha zona reservada para o kitesurf, se lle vai dicir que non, e se hai un practicante de surf que quere ir a unha zona acotada para o bañista, tamén se lle vai dicir que non. Polo tanto, cada un, dentro da súa zona, como se fai xa na praia de Lóngara, como se fai na praia de Coto e como se fixo este ano na praia de Altar. Ímolo seguir facendo. Se iso supón non ter a bandeira azul, nós respectamos a decisión, baixamos a bandeira e non pasa nada”.

Fuente Parga asegurou que o que sería preocupante para o Concello é non poder ofrecer uns servizos de calidade nas praias: “nós seguimos tendo socorristas, seguimos mantendo as praias limpas, seguimos dando  servizos nas praias e a calidade da auga segue sendo excelente. E o que nos preocuparía sería que ninguén se puidera meter na auga porque a calidade non fose boa, que non houbese socorristas suficientes,  que os baños estiveran cerrados ou que non tiveramos baños… Pero como temos que compatibilizar as distintas actividades dentro da praia ímolo facer. Se iso supón non ter a bandeira non hai ningún problema , baixamos a bandeira e xa está. De feito xa hai uns días que a bandeira non se iza e non pasa nada”.