O alcalde de Ribadeo remitiulle ao presidente da Xunta o acordo sobre as Catedrais

O alcalde de Ribadeo remitiulle ao presidente da Xunta o acordo sobre as Catedrais aprobado no pleno extraordinario celebrado no Concello

Ribadeo, 18 de xuño de 2015.- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, remitiulle ao presidente da Xunta o acordo aprobado este mércores á noite no pleno extraordinario celebrado no Concello. O rexedor quere facerlle chegar a profunda preocupación que existe en Ribadeo pola aplicación dese plan de conservación do monumento natural na praia das Catedrais.

Suárez Barcia critica a abstención dos edís de PP e PSOE na sesión celebrada o mércores. E asegura que parece que hai unha fronte aberta contra Ribadeo desde a Xunta e desde o Concello de Barreiros. E insiste en pedir a suspensión da expedición de entradas para acceder ás Catedrais e despois será o momento de empezar a falar da aplicación do plan correspondente para conservar o monumento e ordenar esa zona.

O rexedor dixo que “lamentablemente a día de hoxe é unha fonda preocupación a que temos aquí, en Ribadeo, pola posta en marcha destas medidas que a Xunta quere levar adiante a partir do día 1 de xullo, dentro de catro días practicamente, sen atender ao clamor popular, social, económico e medioambiental que está habendo na sociedade ribadense”.

Suárez Barcia indicou que “con todo é unha esperanza o posicionamento deste pleno extraordinario e urxente, que foi convocado a pesar de non estar a Corporación aínda coa sesión de organización en funcionamento, xa tivemos que tomar posición sobre un dos principais asuntos que se van a tratar en pleno durante todo o mandato. Neste caso tamén se retrataron moitas persoas, moitos representantes dos veciños de Ribadeo”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “o pleno falou e de maneira clara e abafadora, por 11 votos a favor, do BNG e máis da concelleira de Ciudadanos, que acordamos dicirlle á Xunta que debe suspender as medidas que van entrar en vigor a partir do día 1 de xullo, porque non están elaboradas, non están maduras e van supoñer un desastre económico para toda a comarca, pero especialmente para Ribadeo, para súa hostalería e para os seus servizos; e ademais para nada garanten a degradación medioambiental, nin moito menos, porque impedir entrar no areal e sen embargo consentir que todo o mundo ande por enriba dos cantís é unha cousa que non se lle ocorre nin ao que asou a manteiga”.

Para Fernando Suárez “tamén son especialmente reveladoras 5 abstencións, 4 do PP porque a fin de contas eles non están ao servizo dos veciños de Ribadeo senón que están ao servizo do que lles din dende a Xunta de Galicia; e especialmente rechamante tamén é a abstención do único concelleiro presente dos dous que ten o PSOE, pois só acudiu un, que a pesar de ser ata hai poucos días directivo da asociación de comerciantes decidiu lavarse as mans, tal e como fixo Poncio Pilatos no seu momento”.

O alcalde ribadense lembrou que “o pleno acordou solicitar iso á Xunta e hoxe mesmo sae a proposición dirixida ao presidente da Xunta de Galicia, non a ningunha directora nin director xeral senón directamente a quen ten a responsabilidade de tolerar, conseguir ou dalgunha maneira dialogar para que isto non sexa unha auténtica loucura colectiva. Hoxe diríxese o acordo plenario ao presidente da Xunta de Galicia, que no segundo punto dese acordo di que se non fan caso o Concello iniciará as medidas legais para a impugnación dese plan de conservación”.
Suárez Barcia manifestou que “o que queremos, e así o expresei onte no pleno, é expresar a fonda preocupación que ten moita xente, a oficina de turismo non para de recibir chamadas de medio mundo, incluso de subdelegacións do Goberno de provincias próximas, que non teñen nin a máis remota idea deste asunto; hai hostaleiros que chaman case chorando por ver como empeza a haber cancelacións de reservas hoteleiras, como determinados hostaleiros chaman ao departamento de Turismo da Xunta e dinlles que non saben nada de todo isto, que depende de Medio Ambiente pero que confían que non chegue a nacer porque é un auténtico despropósito”.

“E con isto que estamos escoitando e vivindo particularmente penso que aquí hai un delirio colectivo, que está habendo un fronte contra Ribadeo, especialmente por parte da Xunta e polo alcalde de Barreiros. Non teño gañas de entrar en polémica con ningún veciño do municipio de Barreiros, pero a ese alcalde pídolle que se ocupe do seu concello, que amañe o desaguisado urbanístico que el consentiu. E no tocante á Xunta pídolle que, por favor, escoite o clamor da xente, que acceda á petición que o pleno lle fixo nitidamente onte á noite, que suspenda estas medidas de reserva de entradas por internet, que non se sabe nin como van ser, en papel ou electrónicas. A xente non entende nada de cómo se fai iso, porque ese sistema non existe en ningún lugar do mundo civilizado. E unha vez feito iso falamos con calma, porque coa palabra enténdese todo o mundo”, seguiu a explicar este xoves Fernando Suárez Barcia.

O rexedor engadiu: “oxalá isto sexa así a partir de hoxe ou de mañá, pero falemos para chegar a acordos, non para ter un diálogo de besugos, para que o sector servizos de Ribadeo non se resinta senón que se potencie, para favorecer o transporte público ao areal e para que fagamos bandeira de que a conservación medioambiental verdadeira ten que ser non soamente na area senón tamén no cantil, no entorno, en toda esa zona. Para iso falaremos e aí nos terán e eu, polo tanto, desexo, espero e confío en que se impoña o sentidiño e que, a fin de contas, o presidente da Xunta, cando vexa todo este desaguisado, poña un pouco no seu sitio a toda esta xente que nos está levando a un abismo, que para nada queremos desde Ribadeo”.