“O alcalde de Barreiros fuxe de dar explicacións diante das veciñas e veciños, faltándolles ao respecto”, asegura o BNG

“O alcalde de Barreiros fuxe de dar explicacións diante das veciñas e veciños, faltándolles ao respecto”, asegura o BNG

Barreiros, 3 de decembro de 2015.- O BNG de Barreiros acusa a Alfonso Fuente de escapar de dar explicacións diante das veciñas e veciños “convocando un pleno, porque ten a obriga legal de facelo, pero a unha hora intempestiva, co que tenta evitar que a xente poida acudir como público para poder escoitar os debates e explicacións que se dean alí”.

A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, explica que “a normativa obriga a convocar o pleno, xa que foi solicitado polo número de concelleiras e concelleiros requirido legalmente, pero a hora á que se faga depende exclusivamente da alcaldía que é quen ten a facultade de convocalo”.

“É evidente que Fuente Parga xoga coas súas prerrogativas como Alcalde para intentar minimizar o impacto que pode ter este pleno e evitar que a xente coñeza o que pasa. Non podía evitar que houbese pleno, así que decide facelo un día laboral, ás 9 da mañá coa intención evidente de dificultar que poida ir xente como público.”, explican desde o BNG.

“Convocar un pleno da relevancia deste ás 9 da mañá, é unha falta de respecto cara ás veciñas e veciños”
“Xa nos ten demostrado outras veces que a democracia non é o seu forte (non querendo debater no pleno, non contestando preguntas ou non acudindo a debates), pero con esta decisión demostra, ademais, unha absoluta falta de respecto cara a veciñanza; que ten o dereito a poder asistir aos plenos e ver os debates e explicacións que se dan neles”, afirman desde o BNG. “Éncheselle a boca falando de respecto ás veciñas e veciños, pero cando toca pasar á práctica, vese claramente que ese respecto brilla pola súa ausencia”, sentencian.

Desde o grupo nacionalista animan ás veciñas e veciños de Barreiros que poidan, “sendo conscientes da dificultade que existe con ese horario”, a que acudan ao pleno para ver e escoitar de primeira man o que ten que decir cada quen e poder sacar as súas propias conclusións.”