O ALCALDE DE BARREIROS DESENVOLVERÁ EN FITUR UNHA INTENSA AXENDA DE TRABALLO DO 23 AO 25 DE XANEIRO

O ALCALDE DE BARREIROS DESENVOLVERÁ EN FITUR UNHA INTENSA AXENDA DE TRABALLO DO 23 AO 25 DE XANEIRO. FUENTE PARGA ASISTIRÁ A ACTOS INSTITUCIONAIS E MANTERÁ ENCONTROS CON VARIAS EMPRESAS TURÍSTICAS.

Barreiros, 21 de xaneiro de 2019. Intensa axenda a que desenvolverá o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, en Fitur do 23 ao 25 de xaneiro. O rexedor asistirá a varios actos institucionais e manterá encontros con varias empresas turísticas.

Fuente Parga contou que “como se ven facendo todos os anos e tendo en conta que o Concello de Barreiros en turismo ten moito que dicir, vou desprazarme á feira Fitur en Madrid. Por un lado, para acompañar aos alcaldes da Mariña lucense e asistir xa o mércores, día 23, á presentación de E para comer, Lugo porque estamos na provincia de Lugo e é importante que fagamos piña nese sentido; e o xoves 24 asistirei á presentación do vídeo de A Mariña lucense así como tamén a outras presentacións como son as das Semanas Santas, nas que están Viveiro e Mondoñedo. Hai que ter en conta que como concello da Mariña que é un referente en turismo Barreiros debe estar aí”.

O alcalde barreirense seguiu a relatar que “o venres 25 o presidente da Xunta vai estar no stand de Galicia e tamén consideramos importante acudir a este acto dándolle ese empuxe a Galicia porque en definitiva o que queremos todos é que o turismo se desprace a Galicia e que veña á provincia de Lugo e, como non, que se achegue á Mariña lucense e que visiten tamén o concello de Barreiros”.

A axenda de traballo de Alfonso Fuente Parga inclúe varias xuntanzas con empresas turísticas: “e logo, xa dentro dunha serie de entrevistas que están programadas, o xoves 24 ás dez da mañá vou ter unha reunión cunha axencia que se dedica a mover peregrinos no Camiño de Santiago. Estivemos vendo a súa páxina e cremos que se pode implementar máis información sobre Barreiros, dado que non aparecen as fotos dos albergues nin todo o que se pode visitar ao paso polo Camiño de Santiago no noso concello. E tamén está programada para o xoves 24 outra reunión con outra axencia que se dedica á programar rutas. Estivemos vendo a súa páxina e xa estiven en contacto con eles porque preparan rutas en distintos puntos de España e evidentemente queremos que Barreiros poida ser unha zona a visitar ou para hospedarse aínda que as rutas se fagan ao longo da Mariña. Ademais o venres ás 10 e media da mañá imos ter tamén unha entrevista cunha revista que se dedica ao turismo familiar, porque cremos que é importante ese turismo para Barreiros”.

O rexedor anunciou que “se acaban de convocar as axudas da Axencia Galega de Turismo e este ano imos solicitar unha para sinalizar os recursos turísticos do noso concello, como o San Esteban do Ermo, o Camiño de Santiago ou a nosa costa coas nosas praias. Estase preparando xa o proxecto para tramitala”.