O ALCALDE ASEGURA QUE A AUGA DAS PARROQUIAS DE REINANTE, SAN MIGUEL E SAN PEDRO É APTA PARA O CONSUMO

O ALCALDE ASEGURA QUE A AUGA DAS PARROQUIAS DE REINANTE, SAN MIGUEL E SAN PEDRO É APTA PARA O CONSUMO, A PESARES DO FORTE OLOR DESTES ÚLTIMOS DÍAS.

Barreiros, 11 de maio de 2016. O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que a auga das parroquias de Reinante, San Miguel e San Pedro é apta para o consumo a pesares do forte olor detectado estes días.

O rexedor contou que “dende hai dous días en Barreiros, sobre todo nas parroquias de Reinante, San Miguel e San Pedro, estase a notar un olor moi forte na auga. Un olor que se podería confundir cun exceso de cloro ou de lixivias”.

Fuente Parga lembrou que “isto xa pasou noutra ocasión, xa hai uns meses que pasou e sempre ocorre despois de días de fortes choivas. Este é un feito que, xa digo, dende hai dous ou tres meses ven pasando na depuradora da Barranca”.

O alcalde engadiu que “xa o puxemos en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza, o Seprona. Están investigando estes feitos que poden ser derivados de arrastres dalgún tipo de herba ensilada pola zona de Remourelle, que verte no rego da Barranca e logo despois pois chega a esa captación da auga”.

O rexedor barreirense subliñou que “o que si quero matizar é que a auga non ten ningún problema para o seu consumo. Podemos consumir ese auga con seguridade, o que si ten é ese forte olor que resulta ás veces incómodo”.

Alfonso Fuente explicou que “o que xa fixemos foi baleirar ese depósito da Barranca. Hoxe xa está a entrar auga, que non ten ese olor e é posible que ao longo do día de hoxe e de mañá xa non haxa ese olor na auga”.

O alcalde de Barreiros insistiu en que “pódese consumir sen ningún problema, pero é certo que se está a investigar a causa destes olores”.