O ALCALDE AMOSA A SÚA SORPRESA TRAS A RETIRADA DAS BANDEIRAS AZUIS DAS PRAIAS BARREIRENSES, “CANDO SE MELLORARON OS SERVIZOS CON RESPECTO AO PASADO ANO”

O ALCALDE AMOSA A SÚA SORPRESA TRAS A RETIRADA DAS BANDEIRAS AZUIS DAS PRAIAS BARREIRENSES, “CANDO SE MELLORARON OS SERVIZOS CON RESPECTO AO PASADO ANO”.

Barreiros, 2 de agosto de 2016. O alcalde, Alfonso Fuente, amosa a súa sorpresa ante o anuncio de Adeac de retirar as bandeiras azuis das praias barreirenses, “cando se melloraron os servizos respecto ao pasado ano”.

O rexedor manifestou que “o primeiro que quixera deixar claro é que nós valoramos sempre positivamente o programa bandeira azul, sempre estivemos aí, e polo tanto non quero dicir nada en contra de bandeira azul. Pero tamén quero deixar claro que é curioso que sexa xusto agora cando anunciábamos a posta en marcha que xa leva uns días, deses baños nas praias de Altar, Coto e Lóngara para mellorar precisamente os servizos, cando se retiren eses distintivos. Con respecto ao ano anterior non hai ningunha redución de servizos, senón que ao contrario hai unha mellora nos servizos que se están prestando nas praias”.

Alfonso Fuente dixo que “é verdade que o ano pasado tivemos algún problema, incluso bandeira azul nos enviou algunha foto de papeleiras sen recoller. Este ano o que fixemos foi contratar xa a unha empresa especializada en limpeza. Están a limpar as praias e os baños, e a xente o está a valorar positivamente. Está habendo unha boa limpeza nas praias”.

O alcalde de Barreiros salientou que “os socorristas é verdade que queríamos contratar 22 igual que o ano pasado, pero nos tivemos que quedar en 21 por esa escaseza que hoxe mesmo víamos que outros concellos están a ter o mesmo problema, non hai socorristas coa cualificación que necesitan e polo tanto xa digo se están prestando os mesmos servizos, nas mesmas condicións que o ano pasado. O ano pasado non houbo ningún problema e este ano bandeira azul decide retirar esas bandeiras”.

Alfonso Fuente declarou que “nós estamos de acordo, imos enviar as bandeiras, hoxe xa non se izarán, e os servizos onte mesmo confirmaban que a praia está nun perfecto estado para o seu uso. A auga de baño é excelente, o servizo de socorrismo está funcionando, hai máis baños, hai limpeza e o único que esperamos é que haxa bo tempo para que todo o mundo poida gozar das praias de Barreiros igual que o leva facendo moitos anos”.

O alcalde barreirense engadiu: “eu o que teño que dicir a todo isto é que coñecín as praias de Barreiros antes de ter bandeira, coñézoas con bandeira e creo que as vou seguir coñecendo sen bandeira. Os usuarios das praias de Barreiros, tanto con bandeira como sen bandeira, saben que cada ano foron mellorando as condicións da praia, foron mellorando o uso e goce para a xente que quere vir ao noso concello e iso é o que valoramos como máis importante. Mesmo hoxe pola mañá me encontraba cun turista que me dicía precisamente da praia de Altar, unha praia que decidimos este ano non presentar á bandeira azul, e dicíame que a praia de Altar estaba mellor que nunca, con novos baños, que os socorristas estaban igual que todos os anos, que había moita máis limpeza nas praias, e iso é o que realmente me satisfai, ver que os usuarios das praias as valoran positivamente. Xa digo nós sen ningún problema. Adeac decide que se retiren esas bandeiras e nós o facemos e xa está, sen ningún problema”.

Fuente Parga tamén se referiu ás críticas vertidas nas últimas horas por parte dos partidos da oposición: “non son capaces de ver de forma realista que as praias melloran tanto en usuarios como en calidade de servizos. Hai uns días mesmo recoñecían no propio pleno tanto o BNG, que xa non participou no izado das bandeiras porque non estaba de acordo da bandeira azul, e o propio Partido Socialista recoñecía que era unha asociación privada bandeira azul, restándolle importancia e resulta que hoxe o máis importante do mundo son as bandeiras azuis e se utilizan de forma política”.

O rexedor asegurou que “eu non vou utilizar a bandeira azul nunca de forma política porque creo que sería desprestixiar bandeira azul e polo tanto nese senso defendo sempre bandeira azul, pero tamén acato os criterios”.

O alcalde de Barreiros rematou indicando: “ quero deixar moi claro que nós, o equipo de Goberno, somos quen temos que dirixir un espazo que é do concello, un espazo municipal, que son as praias do noso concello. Igual que outras contornas do noso concello. Creemos que estamos mellorando en servizo, estamos convencidos que estamos mellorando, os usuarios están valorando positivamente os esforzos que estamos a facer cada ano en mellorar servizos na praia, e iso a nós nos satisface”.