«¿Morrer de fame vacas na Mariña? Non entra na cabeza, pero…»

«¿Morrer de fame vacas na Mariña? Non entra na cabeza, pero…»

Antonio Villarino (SLG) pensa que os tres abandonos de granxas detectados en días en Galicia non se explican solo pola crise do sector

JOSÉ ALONSORIBADEO / LA VOZ, 27 de abril de 2016. Actualizado a las 05:00 h. 1

¿É posible que se dea na Mariña un caso de maltrato animal como o de Chantada, coa granxa na que apareceron ósos e restos descompostos de polo menos 39 vacas? En principio non… pero. A dúbida que se deixa no ar é de alguén que coñece ben o sector. Antonio Villarino, coordinador comarcal do Sindicato Labrego Galego (SLG), xa soubo dun caso semellante, fai anos, nunha granxa da Mariña Oriental: «Foi algo que se asemella ao de Chantada, pero eran menos vacas, en situación de abandono, que non chegaron a morrer». E máis preto no tempo está o caso dun gandeiro en Tol, Castropol. Foi no 2010. Axentes do Seprona de Vegadeo entraron na granxa e descubriron catro vacas mortas, aparentemente, por fame. Outras reses tamén presentaban síntomas de desnutrición. E non solo iso. En Mántaras (Tapia) deuse outro caso a finais de 2012

-¿Por que se chega a isto?

-En cada caso danse circunstancias particulares. Supoño que serán moitas causas que se xuntan e interactúan. Si hai elementos comúns: que son tres granxas de vacas de leite, as de Chantada, Boiro e Friol, e a situación económica, dramática, do sector. Eu non descartaría que este poda ser o detonante, o factor definitivo que leve aos donos destas vacas a perder o control da situación, que deriva nun abandono da explotación que en ningún caso é xustificable nin entendible.

-¿Que sinte un gandeiro ao ver granxas nas que as vacas morren de fame?

-Cando se produce un caso así, ver os animais abandonados, nesta situación, produce nos gandeiros unha sensación de absoluta zozobra. Unha expresión que se repite continuamente entre eles é que os animais, as vacas, non teñen a culpa. Certamente, máis ca ninguén, aos gandeiros lles produce unha sensación desagradable.

-Quizais cando falamos de granxas con máis de cen vacas sexa complicado, pero ata fai ben pouco era habitual que os gandeiros coñeceran a cada vaca polo seu propio nome. Sendo así, deixalas morrer de fame…

-Agora, como as granxas son moi grandes, ás veces teñen un número e non un nome, pero tradicionalmente as vacas eran algo máis que un elemento de produción. Cada unha tiña un nome, eran parte do capital familiar, do capital da casa, tiñan unha significación máis aló dos cartos. Hai anos, cando o gandeiro vendía unha vaca ou cando a vaca morría, a xente choraba. Tamén é certo que de aquela as vacas botaban máis tempo nas casas, vivían máis, pero tradicionalmente había unha vinculación entre o gando e as persoas que ía máis aló do mero valor instrumental dos animais… Efectivamente, cada vaca tiña o seu nome, por iso o que pasou nestas granxas non entra na cabeza da xente que se dedica á gandería.

-¿É isto unha chamada de atención sobre a crise do sector?

-O factor económico é clave. Entendo que non é o único, porque na situación de penuria hai moitas granxas e non se deixan morrer as vacas, véndense ou van para o matadoiro. Cando se produce un abandono da granxa hai tamén outros problemas, de desarraigo social, psicolóxicos… Pero o que vivimos estes días é tremendo, e non deixa de ser un aviso. Cando pasan estas cousas en tan curto período de tempo, que en unha semana aparezan tres casos de granxas abandonadas que transcenden aos medios de comunicación, pero puidera haber máis, penso que si que nos está dicindo algo, que moito do que é o medio rural e o sistema produtivo estase desmoronando

-¿Imaxínase un caso así na Mariña?

-¿Morrer de fame vacas. Non entra na cabeza, pero… Prefiro pensar que isto non vai pasar nunca, pero non hai nada diferencial nesta comarca con respecto a outras do país. Por iso, se ocorreu noutros sitios non podemos dicir que non vaia a suceder aquí, porque é síntoma de algo moi grave, a nivel individual e colectivo. En todo caso, é unha situación extrema e insólita que se deran tres casos en uns días. Non é descartable que volva a pasar, pero realmente é moi estraño.

antonio villarino coordinador comarcal do sindicato labrego galego

«O certo é que se ocorreu noutros sitios non podemos dicir que non vaia

a suceder aquí»

«Hai anos cada vaca tiña un nome; cando se vendía ou morría había xente que choraba»