MOCIÓN PARA SOLICITAR UNHA NOVA REVISIÓN CATASTRAL

Ana B. Ermida Igrexas, Antonio Veiga Outeiro, Montserrat Porteiro Sánchez e Dámaso Ratoeira Basanta como concelleiras e concelleiros do grupo municipal do BNG en Barreiros, ao abeiro da lexislación vixente, presentan a seguinte

MOCIÓN PARA SOLICITAR UNHA NOVA REVISIÓN CATASTRAL Á BAIXA DOS VALORES OUTORGADOS AOS INMOBLES EN BARREIROS

Nos últimos anos as veciñas e veciños de Barreiros veñen sufrindo unha suba desmesurada de taxas e impostos que pouco ou nada se corresponden cos servizos que reciben. Unha das subas máis acuciantes foi a experimentada polo Imposto sobre Bens Inmobles.

Primeiro, foi o propio goberno municipal quen decidiu incrementar o tipo impositivo a aplicar ata situalo nun 0,88% (o máis alto da provincia). Posteriormente, o goberno central iniciou unha revisión catastral que culminou con centos de familias abonando unha taxa de 60€ por unha regularización catastral que tivo máis de medida recaudatoria que reguladora. A raíz desa revisión, foron incluídas como inmobles calquera tipo de edificación. chegando a producirse regulacións catastrais por casetas de cans ou pérgolas de xardín.

Como consecuencia desta revisión realizada polo goberno do Estado, as veciñas e veciños de Barreiros tiveron que facer fronte a recibos de ata catro anos atrás nos que se incluían os novos inmobles e os novos valores, chegando en moitos casos a afrontar recibos que quintuplicaban o que viñan pagando por este imposto.

É evidente, pola idiosincrasia galega, que as zonas máis afectadas por esta medida son as zonas rurais. O rural galego, e Barreiros non é excepción, caracterízase por numerosas construccións, a modo de palleiras ou alpendres que, se ben carecen de valor material por si mesmas, prestan servizo elemental á hora do desenvolvemento das labores agrarias.

Estes elementos foron incluídos na regularización realizada polo Ministerio e foron valorados como  se de inmobles habitables se tratara, non tendo en conta que se trata de construccións destinadas á agricultura que, ademais, poderían beneficiarse de bonificacións e dándolles un valor moi superior ao real.

Ademais das consecuencias directas que isto ten no propio recibo do IBI, que o BNG tratou de paliar propoñendo unha modificación da ordenanza municipal que permita rebaixar o tipo impositivo aplicado e abra a posibilidade de realizar bonificacións para determinadas construccións sobre o que houbo acordo no pleno e se incumpliu na súa execución por parte do goberno municipal, os novos valores aplicados teñen unha serie de consecuencias “indirectas” que lles están afectando considerablemente ás familias do rural barreirense. Deste xeito, ao outorgar unha valoración catastral tan alta, ven como se incrementan os impostos que deben abonar por transmisións inter vivos ou mortis causa ou como as axudas (ou incluso bolsas de estudos para as súas fillas e fillos) lles son denegadas por ter un patrimonio moi elevado que, na realidade, dista moito desa valoración.

O feito de que a revisión se fixese de xeito lineal, sen aplicar ningún tipo de variable polo tipo de inmoble ou a ubicación do mesmo, leva a que especialmente no caso de familias con explotacións agrarias, estean enfrontando un valor patrimonial dos seus inmobles que non se adapta para nada á realidade. En primeiro lugar, á realidade social de Barreiros, porque non pode ser o mesmo o valor que se lle aplica a un inmoble para vivir situado en primeira liña de praia que a un inmoble destinado a palleira ou establo situado nunha parroquia do interior. Incluso o valor das vivendas non poden ser iguais na costa que no interior. Pero, en segundo lugar, tampouco se adapta á realidade económica actual: a revisión foi realizada tomando como referencia uns valores que proviñan dunha situación económica notablemente distinta e outorgouse unha valoración que na actualidade dista moito de ser real.

Tendo en conta o exposto, consideramos que é xusto que o goberno municipal en primeiro lugar cumpra co acordo plenario adoptado por unanimidade a instancias do BNG e proceda a modificar a ordenanza reguladora do IBI, rebaixando o tipo impositivo aplicable e establecendo as bonificacións que sexa posible de cara a minimizar no posible as nefastas consecuencias que está a ter a suba deste imposto nas economías familiares.

E, en segundo lugar, como defensor dos intereses xerais, consideramos que o goberno municipal debe dirixirse ao goberno do Estado para solicitar unha nova valoración catastral á baixa na que se tomen como referencia os valores patrimoniais actuais dos inmobles, dacordo coa actual situación económica e na que se diferencien os valores tanto en función da ubicación do inmoble (na costa ou no interior) como do seu uso.

Por todo o exposto con anterioridade, o grupo municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación de Barreiros a adopción dos seguintes ACORDOS:

PRIMEIRO: Que o goberno municipal inicie os trámites, dando participación a todos os grupos da corporación, para modificar a ordenanza reguladora do IBI, procedendo a rebaixar o tipo impositivo aplicado polo Concello de Barreiros e instaurando as bonificacións que sexa posibles.

SEGUNDO: Que o goberno municipal se dirixa ao goberno do Estado para solicitar unha nova revisión catastral na que se outorguen valores á baixa, tendo en conta a nova situación económica e os valores reais dos inmobles e a súa ubicación dentro do propio concello e o uso ao que se destinan.

En Barreiros a 4 de maio de 2016.

Ana B. Ermida Igrexas                                                                     Antonio Veiga Outeiro

Concelleira-portavoz do GM                                                                        Concelleiro do GM

do BNG en Barreiros                                                                        do BNG en Barreiros

Montserrat Porteiro Sánchez                                                 Dámaso Ratoeira Basanta

Concelleira do GM                                                               Concelleiro do GM

do BNG en Barreiros                                                            do BNG en Barreiros

AO ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE BARREIROS